Expertos do Consello de Europa interesan-se por avaliar a situación do galego no Bierzo O 11 de setembro unha delegación do Consello de Europa encargada de vixiar o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias reuniuse na Casa de Europa de Compostela cun grupo de representantes da asociación berziana irmá Xarmenta, encabezado polo seu secretario, Rafael Adán. Tras darlles a coñecer a presenza da lingua galega nesa zona da provincia de León e informalos das principais actividades da asociación, comentáronlles os principais atrancos, no tocante aos aspectos tratados na Carta, cos que se atopa o proceso de normalización na zona.
A principal liña tratada foi a educación e o actual convenio de colaboración para a inclusión do galego no sistema educativo de Castela e León. Os xarmenteiros criticaron a deficiente información recibida polo alumnado e expresaron a necesidade de aumentar as horas en Primaria, dunha maior flexibilización á hora de matricularse no programa en Secundaria, así como de incrementar a carga lectiva específica de Lingua Galega nesta etapa. Tamén trataron as peculiaridades da provincia de Zamora, os problemas puntuais de rexeitamento cara ao galego e a importancia de acadar que os centros da zona galegófona castelán-leonesa teñan a obriga de ofertar a posibilidade de matricularse no programa. Por outra banda, no ámbito dos medios de comunicación, dada a súa importancia no mundo actual, fixeron fincapé no próximo "apagón analóxico" e na posibilidade de deixar de recibir o sinal d'A Galega, pois a substitución pola televisión dixital terrestre podería supeñer que estes territorios galegofalantes pasasen a carecer absolutamente dunha canle televisiva na súa lingua. No campo da toponimia, indicáronlles a urxencia de oficializar os nomes orixinais galegos, aspecto no que non se fixo nada nos últimos anos. A carón dos correctos Carracedo ou Trabadelo, coexisten hoxe formas deturpadas como Villadecanes ou Peranzanes. Finalmente, aproveitando que todos os membros do comité proviñan do mundo xurídico, a delegación xarmenteira tratou a tramitación do Estatuto de Autonomía de Castela e León, onde o galego pasa a ocupar un lugar terciario (incluso na ordenación textual) respecto do castelán e do leonés. Tras concederlle a máxima importancia ao español, o texto aprobado polas Cortes de Valladolid recolle para o leonés protección "específica" mentres que que non recolle ese adxectivo para a nosa lingua. Ademais fala dunha futura regulación para o leonés e garda silencio sobre o galego nese aspecto. Neste senso, fixéronse votos para que esta situación poida ser variada no proceso de tramitación no Congreso dos Deputados. |