O BERCIANISMO POLÍTICO CO IDIOMA GALEGO, Por Xabier Lago Mestre, Presidente de Fala Ceive do Bierzo. 1. O BILINGÜISMO REXIONAL.-
A situación estratéxica da nosa rexión, entre territorios con fortes identidades políticas e culturais, favoreceu a influencia secular destas no Bierzo. Como singularidade cultural máis destacada temos a presenza de tres idiomas, o castelán, o galego e o astur-leonés. Na actualidade o astur-leonés do Bierzo está ao bordo da extinción polo illamento cunha comunidade lingüística afín de referencia (en León, Asturias, Zamora...). Todo o contrario acontece co galego que ve favorecido pola estreita veciñanza con Galiza. Ademais a pertenza ao amplo dominio idiomático galego-portugués-brasileiro favorece a participación nos procesos de normalización lingüística comúns. a cultura galego-berciana desenvólvese secularmente no occidente da nosa rexión. Así o ámbito territorial etnogallego esténdese polos municipios de: Candín, A Veiga de Espiñareda, Vilafranca do Bierzo, A Veiga de Valcarce, Valboa, Trabadelo, Barxas, Oencia, Corullón, Sobrado, Arganza, Cacabelos, Camponaraia, Viladecais-Toural, Carracedelo, Carucedo, Borreis e A Ponte Domíngo Flórez; pero ademais, territorio parcialmente galego atopamos en: Peranzais, Fabeiro, Sancedo, Cabanas, Ponferrada, Priaranza do Bierzo e Benuza.
O galego, como idioma territorial do Bierzo, percíbese estreitamente vinculado á nosa rexión. Esta lingua está moi asentada no territorio de onde é tan propia como de Galiza, como testemuñan os nomes de lugares (toponimia), de comarcas (coronimia), de accidentes xeográficos (orónimos), de augas terrestres (hidrónimos), de persoas (antropónimos), de plantas (fitónimos), de animais (zoónimos) e demais. 2. O Proceso HISTÓRICO GALEGO-BERCIANO.- A lingua galega do Bierzo ten un claro carácter histórico. Na Idade Media este idioma usouse con plena normalidade, como o demostra a variada documentación conservada dos mosteiros de Sta. Mª de Carracedo, Santo Ándrés de Espiñareda, Sta. Mª de Cruñego de Vilafranca entre outros. Os bercianos medievais utilizaron o galego nas súas relacións cos mosteiros bercianos e galegos (Samos, Celanova, Sobrado, etc) em galego se relacionaban cos reis. Tamén conservamos o foro de poboamento de Vilafranca, en galego, dado por Afonso IX en 1192. Así pois o uso institucional do galego implicaba efectos xurídicos derivados da regulación de todo tipo de relacións (compra-vendas, donaciois, foros agrarios, testamentos, arrendamentos, etc) contidas nos papeis medievais. Pero convén ter presente que a utilización escrita do galego foi escasa, a razón é que a maioría dos bercianos descoñecía a codificación escrita, porque nos referimos a unha cultura galego-berciana ágrafa, na que primaba a oralidad.
No Bierzo utilizáronse varias linguas na Idade Media, casos do latín, astur-leonés e galego. Pero desde fins do século XV a relación entre elas vese alterada pola introdución administrativa do castelán polo maior apoio institucional que recibe. Referímonos a que, tras a derrota e a expulsión do conde de Lemos, reafírmase o control real dos Reis Católicos no Bierzo. Exemplos deste proceso son a chegada de oficiais reais (corrixidor, recadadores, alcaides...), a reforma monástica (controlada desde Valladolid, abades foráneos...), establecemento da nobreza castelá co marquesado de Vilafranca, etc. Esta dinámica procastellanista favorece claramente a implantación progresiva do idioma castelán fronte ao galego-berciano, así se obriga aos escribanos a pasar o correspondente exame deste idioma (Cortes de Toledo de 1480). Dos séculos XVI ao XX o carácter institucional e oficial do castelán determina a inexistencia do galego escrito. Con todo insistimos en que pervive o maioritario uso social do galego oral en determinados ámbitos idomáticos (familiar, veciñal, máxico-popular, rural-agrario, comercio feiral, etc). A utilización institucional do galego queda restrinxida secularmente ao dereito consuetudinario (concellos, ordenación comunal, organización territorial, actividades agropecuarias, etc). Pero todas as ordenanzas concejiles están escritas en castelán porque debían ser aprobadas polos corrixidores. Por outra banda, a cultura popular desenvolvíase en lingua galega (os maios, os antroidos, os magostos, as matanzas, etc). Neste sentido non podemos pasar por alto os intentos da Igrexa astorgana por controlar certas tradicións (século XVIII), casos dos fiandois, bailes, música, etc.
3. A Protección dos DEREITOS LINGÜÍSTICOS.- A pervivencia do idioma galego do Bierzo ocidental hai que garantila nas mesmas condicións a como se fai en Galiza. Non se pode discriminar por máis tempo aos falantes dunha mesma lingua, neste caso aos galego-bercianos, pola única razón de vivir alén do porto de Pedrafita. O regionalismo político está obrigado a defender os dereitos da comunidade galego-berciana, formada por máis de 35000 persoas. Ademais convén non esquecer a outros tantos bercianos que entenden o galego (oral ou escrito), aínda que non o utilicen, e que fan un seguimento normal dos medios de comunicación nesta lingua (TVG, Radio Galega, periódicos, internet...). Así pois, pouco importa que o falemos mellor ou peor, que o saibamos escribir ou non, ou o dialectismo interno, o fundamental é que se trata da lingua propia de moitos bercianos do occidente. Hai que preocuparse máis por reclamar o recoñecemento pleno dos dereitos lingüísticos (individuais e colectivos) que nos corresponden, en igualdade de condicións legais a como gozan os falantes deste idioma en Galiza.
E para conceder plenos dereitos lingüísticos aos bercianos galego-falantes hai que demandar a declaración de oficialidade do idioma galego no Bierzo occidental. Só así todas as administracións públicas (estatal, autonómica, provincial, comarcal e local) terán a obrigación legal de respectar os dereitos dos falantes galegos. Este recoñecemento de oficialidade, para ter plena vixencia lexislativa e xurídica, debe constar expresamente como tal no articulado do propio Estatuto de Autononía de Castela e León, como se determina na propia Constitución española (art. 3.2).
4. O Feito LINGÜÍSTICO DIFERENCIAL.- A existencia da lingua galega constitúe a principal peculiaridade cultural do Bierzo. Así se recoñece no vixente Estatuto de Autonomía de Castela e León, "gozarán de respecto e protección a lingua galega (...)", (artigo 4.2 da Lei Orgánica 4/1999, de 8 de xaneiro). Recordemos que só hai dúas comunidades galego-falantes en Castela e León, a saber As Portelas de Seabra (Zamora) e O Bierzo occidental. Estas dúas minorías lingüísticas teñen que ser protexidas polo ordenamento xurídico, por lei, cun específico estatuto de minoría etnocultural, para evitar a súa asimilación total pola maioría idiomática castelá. A pervivencia do galego determina un claro feito lingüístico diferencial que reforza a autonomía territorial do Bierzo. O futuro Estatuto de Autonomía de Castela e León reformado admite implicitamente esta especificidad idiomática, "unha lei das Cortes de Castela e León regulará a Comarca do Bierzo, tendo en conta as súas singularidades e a súa traxectoria institucional" (art. 46.3). A protección e o fomento do galego precisa dun decidido apoio institucional. Resulta que tanto a Xunta de Castela e León como a Deputación leonesa non consideran prioritaria a defensa do galego porque o consideran un ben xurídico alleo ás súas identidades culturais e lingüísticas respectivas. Por iso é polo que debe ser o Consello Xeral Berciano (actual Consello Comarcal) quen asuma o protagonismo institucional na promoción do idioma galego, por proximidade e identificación cultural.
A lingua galega do Bierzo é un factor humano e social primordial, o recoñecemento xurídico desta especificidad adquire unha dimensión política de primeira orde, pois implica o respeito dos dereitos individuais e colectivos dos seus falantes. O propio Consello Xeral Berciano consolida e fundamenta a súa autonomía territorial na necesidade de protexer e fomentar este feito lingüístico diferencial. A isto únese a necesidade de complementar as dinámicas de normalización lingüística dos entes locais (concellos, mancomunidades e pedanías), xa que estes teñen graves carencias, persoais, materiais e financeiras, para a execución adecuada desas políticas. Acabamos insistindo en que a recuperación da lingua propia do Bierzo non se pode realizar illándoa da ampla comunidade idiomática galega do Estado (Galiza, Navia-Eo e As Portelas de Seabra). Os falantes bercianos necesitamos inserirnos no ámbito territorial e lingüístico galego do Noroeste, para participar activamente en todos os ámbitos socioidiomáticos (político, cultural, mediático, internet, comercial, etc) de xeito pleno. Neste sentido, as institucións públicas e privadas de Galiza están interesadas a dar toda a colaboración necesaria de face a conseguir a desexada normalización lingüística, por iso hai que aproveitar máis as posibilidades que ofrecen os convenios de colaboración interinstitucional.
O Bierzo, novembro de 2007. www.obierzoceibe.blogspot.com www.blogoteca.com/obierzoxa
|