|
O CENTENARIO DA CIDADE DE PONFERRADA Xabier Lago Mestre, Presidente de Fala Ceive do Berzo. Os moradores de Ponferrada estamos preparando os actos do centenario da declaración como cidade. Non é empresa fácil facer un programa de actos que gostar a todos e todas. Hai que destacar entre o feito a construción da ponte do Centenario e a restauración do castelo dos templarios. Dus importantes obras que teñen un grande futuro, xa que servirán para prestar mellores servizos públicos, ademais de reforzar a simboloxía colectiva desta cidade.
Resulta que os intereses poden ser variados á hora de reclamar actividades conmemorativas, así as deportivas, musicais, culturais, artísticas, etc. Persoalmente inclínome polas culturais e por iso quero incidir no que pode representar o noso principal colector cultural, o castelo dos templarios. O reto presente e futuro é dar o protagonismo que se merece ao noso principal monumento. Pretendemos devolverlle a vida coa organización de actividades culturais que dignifiquen a sua existencia, deixando nun segundo plano a etapa anterior de simples obxectivo das visitas turísticas. Interviuse profundamente na súa restauración para darlle un novo protagonismo na vida cidadá e rexional berciana. Neste sentido a recente constituición da Fundación Pedro Álvarez Osorio, conde de Lemos, servirá para reafirmar esa vitalidade cultural que o castelo merécese. Non pode ser doutra forma, hai unha clara vinculación histórica entre o conde e a súa fortaleza. O castelo debería ser a sede das principais actividades da fundación, as cais deben superar o estrito ámbito de Ponferrada, para ser de carácter rexional berciano e ata aspirar a alcanzar un referente no noroeste peninsular. Porque o conde e o castelo desenvolveron un protagonismo histórico que superou con fartura o estreito marco ponferradino e berciano que aínda está por divulgar. Seguimos insistindo na importancia da fundación e do castelo nos actos do Centenario para fixar neste 2008 as actividades de futuro. Dar a coñecer a historia do castelo ao grande público resulta fundamental, mediante publicacióis, conferencias, exposicióis, representacióis teatralizadas (caso da Noite Templaria), pero tratando de procurar a maior obxectividade posibel. Cremos que no Bierzo hai produtos culturais de interese, de tipo tradicional, etnográfico, lingüístico e demais que deberían ser postos en valor pola fundación, que nos vinculan ás rexións veciñas de Castela, León, Asturias e Galiza nun desenvolvemento cultural común. Todas estas actividades culturais tradicionais son totalmente compatibeis coa programación doutras máis modernas (ordenación territorial, medio ambiente, artísticas) que vieñan doutros territorios, que para iso estamos en pleno Itinerario Cultural Europeo, o Camiño de Compostela. A fundación co tempo tamén se pode dedicar a recuperar parte do noso patrimonio histórico perdido, por exemplo o documental, conservado en afastados arquivos (Simancas, Sevilla, Madrid, Coruña), mediante a elaboración das correspondentes copias. Neste sentido tamén sería interesante a celebración dunha exposición de fotografías con obxecto de ver a evolución de Ponferrada e O Bierzo nos 100 últimos anos, que formaría parte dun futuro arquivo fotográfico rexional.
Con estas liñas o que quixemos destacar é que o importante do Centenario non son as actividades concretas que se programen neste 2008 senón o debate que se xere de cara a dar o protagonismo que merecen tanto o castelo como a fundación no futuro cultural de Ponferrada e O Bierzo. O Bierzo, marzo de 2008.
|