Início arrow Novas arrow Institucionais arrow A província do Bierzo no século XV
    
Menu Principal
Início
Quen somos e facemos
Contactar connosco
Arquivo
Forum do Sil
Novas
Ligazons
Imaxes
Blog de Fala Ceive
CiberIrmandade
Visitas Totais
Visitantes: 600109
Visitantes
Temos 1 convidado conectados


A província do Bierzo no século XV PDF Correo-e
Martes, 06 de Xuño do 2006

A PROVINCIA DO BIERZO NO SÉCULO XV

Xabier Lago Mestre
 
Castelo de Ponferrada, un dos últimos lugares en resistir á invasión castelá dos RRCC.  
 A fins do século XV o conde de Lemos, Rodrigo, que tiña parte dos seus territorios no Bierzo, rebelouse contra os Reis Católicos. O condado de Lemos presentaba problemas sucesorios, e os Reis Católicos tomaron partido polos outros pretendentes, aliados da casa dos Pimentel de Benavente, inimigos estes dos condes galegos de Lemos. Rodrigo encastelouse e resistiu en Ponferrada, mentres que os Reis organizaron un exército castelao contra el que, tralas escaramuzas e negociaciois, conseguiu tomar o castelo e maila vila.

O pacto entre os Reis Católicos e o derrotado conde de Lemos determinou a perda de todas as súas posesiois no Bierzo, as cales pasaron a formar parte do novo marquesado de Vilafranca, que quedaba en mans dos que preitearon pola herdanza do condado de Lemos e que se aliaron matrimonialmente coa casa de Benavente. Consecuencia dese pacto foi tamén a compra da vila de Ponferrada polos Reis.  Difícil é substraer esta intervención da Coroa de Castela contra o conde de Lemos da política real de sometemento da nobreza galega levantisca (ejemplo de Pardo de Cela, conde Camiña e demais).
Trala adquisición mercantil da vila de Ponferrada polos Reis, estes deron certos beneficios á poboación, casos da concesión de mercado (1487)  e da creación dun hospital. Hai tamén que salientar o establecemento do Corrixidor, figura chave na historia posterior da vila e da comarca. Este foi o máximo representante da Coroa no Bierzo, controlou  ao rexemento ponferradino e executou a política real en toda a comarca, a pesar de ser esta maioritariamente territorio de carácter señorial. Como ben sabemos a xustiza real estaba por enriba da señorial, e cando alguén recorría pola primeira era o Corrixidor de Ponferrada o encargado de facer as investigaciois necesarias ou de aplicar as resoluciois.
Dende o comezo o Corrixidor de Ponferrada aparece tamén como da Provincia do Bierzo. Para a Coroa de Castela, O Bierzo estaba claramente delimitado a nivel territorial, e aproveitase a súa autodefinición histórica para diferencialo doutros territorios veciños dende o primeiro momento. Agora ben ¿a qué reino pertencía O Bierzo, a León ou a Galiza?. A resposta está nun privilexio emitido dos Reis Católicos en Medina del Campo (1489). Nel faise referencia ao pobo de Acebo, sito nas montañas que nos afastan de León e Castela, e textualmente lemos “por cuanto nos somos informados que en el camino Real que es entre el lugar de Acebo y el hospital de Fuencebadón que son en el Puerto de Rabanal de la entrada del reino de Galicia, a causa de la mucha nieve que en el dicho Puerto cae (...)”. 

 
< Ant.
 
© 2008 Fala Ceive
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.


Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5