Início arrow Novas arrow Outras arrow Imos escolher a cançom do verao
    
Menu Principal
Início
Quen somos e facemos
Contactar connosco
Arquivo
Forum do Sil
Novas
Ligazons
Imaxes
Blog de Fala Ceive
CiberIrmandade
Visitas Totais
Visitantes: 572475
Visitantes
Temos 1 convidado conectados


Imos escolher a cançom do verao PDF Correo-e
Venres, 30 de Maio do 2008

Participa no concurso para escolhermos a cançom galega do verao: boa música, alegria e festa na nossa língua.

Eu, fago a minha aposta, e animo a todo o mundo a votar no Projecto Mourente e o seu "Chuliboi", a melhor.
 
 
 

Escolle a canción galega do verao!

O ano pasado gañaron Sacha na horta. Este ano haberá dous premios: do xuri e do público.


A edición 2008 de A Polo Ghit comeza con forza. Dende este luns, xa se pode comezar a votar entre as seis candidatas a canción galega do verán. Hai variedade de estilos onde escoller as favoritas, e mesmo tres artistas que regresan ao concurso (Magín Blanco, Banda Potemkin e Projecto Mourente) e outros tres que se presentan por primeira vez (Mostoboys, Dúo Estúpido Mascalzone e Os John Deeres).

As votacións dos internautas decidirán cales serán cinco dos dez finalistas e tamén serán imprescindíbeis para conceder o premio do público. Até o 16 de xullo seguen a chegar máis temas ás caixas de correo reais e virtuais de Vieiros e da Radio Galega. Cal deles será a nosa canción do verán 2008? Ti decides!

 "Os galegofalantes tiñan moita gana de facer festa e bailar no seu idioma"

Kara.o.ke é o seu segundo álbum. De novo, música de baile gravada na casa e en galego.

Visitamos a Carlos Valcárcel, Projecto Mourente, na súa casa, no lugar no que compón, canta e grava as súas cancións. Historias sinxelas e cotiás sobre bases de claras influencias na música de baile de finais dos oitenta e comezos dos noventa. Regresa o electropop en galego. Ademais, amósanos como facer unha canción en cinco minutos.

  O título do disco..., segues pensando que tes moita cara?

Si, claro. Porque eu non son músico, son afeccionado á música. E hai moita xente que quere e que merece vivir da música. E o feito de que saque un disco, e de que a xente me vexa como músico, entendo que poida resultar insultante para moitas persoas.

Nos dous anos que pasaron dende a publicación de Baixo os Eucaliptos, a nova escena musical galega avanzou en moitos eidos. Onde é máis urxente dar pasos adiante?

Faltan máis pasos por dar no electropop en galego. De feito unha das ideas de cando se sacaron as cancións á rede era facerlle ver á xente que, mellor ou peor, pódese facer electropop en galego, que se pode facer música de baile en galego, e que é moi necesario. Porque a xente galega, galegofalante, e militante en particular, tiña moita gana de facer festa e de bailar en galego. Está Projecto Mourente, e Fanny e Alexander déronlle un toque bailón ao último disco, pero teñen que vir outros que nos xubilen.

O teu primeiro disco tivo un éxito notábel, pero as túas cancións non soan aínda nos bares e pubs, mesmo naqueles cunha conciencia lingüística clara. Cal cres que é a razón?

Nalgúns locais militantes pola lingua podo entendelo, porque non é a música que adoitan poñer. E algúns pensarán que 'non é o tipo de cultura galega que queremos'; podo entendelo: tamén teño unha idea da cultura galega que quero e a que non quero. O que si me chama a atención é que non poñan grupos como The Homens ou Loretta Martin, por exemplo, nos locais militantes e nos non militantes. Non o entendo.

De que grupo che gustaría facer unha remestura?

Teño moita gaña de remesturar a moita xente. Por exemplo a The Homens. Deles entrou no disco unha versión porque non tiña as pistas, senón tería ido un remix de Non podo máis. Gustaríame facelo tamén con Pepa Yáñez, pero iso ela non o sabe aínda, con Loretta Martin, con Franc3s, tamén coa xente de Likor Café... Pero non hai moita cultura da remestura en Galiza. E ademais os grupos rock non teñen a cultura que hai noutros países, de ter a pista de voz por separado. Pero tempo ao tempo, xa imos facendo algunha cousa.

Que diferenzas hai entre este disco e o anterior?

Hai diferenzas, porque hai máis guitarreo. E despois hai diferenzas de son, porque teño un computador novo, e a tarxeta de son é nova, pero o resto do proceso foi o mesmo: graveino todo aquí, agás as guitarras, que as gravamos en casa de Noel.

Gravas na casa. Como é a túa relación cos veciños?

Boa pregunta. Nada, nunca me dixeron nada, nin sequera cando vivía na Calderaría e estaba ensaiando para os concertos do ano pasado. Tamén é certo que procurei non gravar polas noites, e tamén é certo que neste edificio case toda a xente vai traballar polas mañás.

Que estás escoitando agora?

Estou coas cancións de Eurovisión, e moita cousa británica: Sam Sparrow, Hercules & Love Affair..., esas cousas. E aquí Spunky, o que cantaba con Fangoria.

Superaches xa o teu medo escénico?

Non tiña medo escénico; son profesor, e non teño medo a estar en público, son moi pallaso. Si tiña medo de facer as cancións ao vivo, e si que me daba medo cantar en público.

Como vai ser a posta en escena para a xira?

Non sabemos aínda. Estará Yolanda, co seu látego implacábel, e estamos buscando guitarra e baixista. O normal sería facela con The Homens, pero eles están de xira. Con eles sería ideal, porque hai unha sintonía en moitas cousas: na cuestión da lingua, na visión aberta do que é o pop.

A túa canción favorita do disco?

Á canción que máis querenza lle teño é Contróla-te, porque era a que tocaba con The Homens, Martiño mete guitarra e tráeme moi bos recordos dos directos con eles. Esa e Vamos queimar París, que non é a mellor canción do disco, pero fala dunhas vivencias que tivemos Yolanda (a súa irmá) e eu nunha viaxe a París.

Por que Chuliboy para o A Polo Ghit?

Porque fora unha promesa non prometida con Belén Regueira, que como boa xornalista que é xa sabía da súa existencia, pouco despois de saír os Baixo os Eucaliptos. E porque hai que promocionar o disco, e A Polo Ghit é unha boa plataforma.

 
< Ant.   Seg. >
 
© 2008 Fala Ceive
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.


Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5