RESISTENCIAS DA DIRECCIÓN DO INSTITUTO BERGIDUM FLAVIUM DE CACABELOS Á MATRICULACIÓN NO IDIOMA GALEGO.
A Asociación cultural Fala Ceibe do Bierzo denuncia, ante os medios de comunicación, a Consellaría de Educación da Junta de Castilla e León e o Procurador do Común rexional, as resistencias actuais da Dirección do Instituto Bergidum Flavium de Cacabelos á matriculación da materia de lingua galega. Esta asociación está recibindo numerosas queixas de pais, nais e alunado sobre os obstáculos que pon a Dirección do centro ante o actual periodo de inscrición para o próximo curso 2008-09.
Segundo infórman os próprios afectados, a Dirección do centro chama persoalmente a todos e todas os/as que desexan inscriber-se na materia de idioma galego. No despacho da Dirección indícan-lles aos pais, as mais e o alunado numerosas falsidades e desinformacois deste teor: que o galego é mui difícil de estudar, que o seu estudo non serve para nada, que é mellor estudar outras materias, etcétera. Esta actitude oficial é de total desprestigio para o ensino regrada do galego, idioma próprio do Bierzo ocidental. Por outra banda, os afectados infórman-nos de que as instancias de matriculación para a libre elección da materia de galego non aparecen por ningunha parte, nun claro ocultamento da documentación oficial. Cremos firmemente que detrás deste prexuízo público e xeralizado á comunidade escolar está a orde expresa da Dirección do centro educativo.
Estas actitudes reprochabeis da Dirección do Instituto de Cacabelos condicionan negativamente a libre e voluntaria elección dos pais, as nais e o alunado para á materia de idioma galego. Ata tal punto chega o problema que moitos afectados desisten abertamente de optar pola materia de lingua galega de cara ao curso 2008-09. Estas graves irregularidades procedimentais, para poder apreender galego no Instituto, ademais presaxian as que terán que soportar durante o próximo curso escolar, para os que finalmente decidan optar, malia as reiteradas resistencias, polo estudo deste idioma proprio do Bierzo. Todo o cal desmotiva xeralizadamente á comunidade escolar ante a inscripción na materia de idioma galego.
Fala Ceibe recorda á cidadanía berziana que as actuais resistencias da Dirección do Instituto de Cacabelos, á implantación da libre aprendizaxe do galego, xá veñen de cursos académicos anteriores. Isto agrava a valoración que facemos da actitude tomada pola Dirección do instituto. Fala Ceibe compromete-se a enviar comunicación escrita desta grave problemática académica á Consellaría de Educación da Junta de Castilla e León para que interveña na solución definitiva desta cuestión, e instamos ao envío de inspectores educativos ao mencionado Instituto de Cacabelos para que se comprobe a certeza dos feitos aquí denunciados. Tamén enviamos a carta de queixa ao Procurador do Común de Castilla e León para que abra o expediente preceptivo, e inicie as súas propias pesquisas de cara a tomar unha resolución definitiva sobre o caso denunciado, esperamos que confirmatoria da demanda aquí constatada.
Fala Ceibe finalmente recorda á opinión pública que o ensino do galego na rexión berziana segue tendo graves dificuldades na súa implantación normalizada. A resistencia do Instituto de Cacabelos á oferta de galego non é un feito illado. A comunidade escolar berziana segue sufrindo graves irregularidades para poder optar libre e voluntariamente ao ensino da materia de lingua galega.
Fala Ceibe indica que a aprendizaxe de galego no Bierzo supón a obtención do preceptivo título académico oficial, o que posibilita poder seguir coas debidas garantías lingüísticas os estudos universitarios na Galiza, en calquer dos seus 7 campus. Dita titulación supón tamén a exención da proba de galego nas oposicións (ensino, Xunta, Xustiza, Servizo Galego de Saúde, universidades, deputaciois, concellos, etc) da Comunidade Autónoma de Galicia. A língua galega tamém abre o mundo da sexta língua oficial da U.E. e sexta da internet do português.
Xabier Lago Mestre, Presidente de Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.é www.obierzoceibe.blogspot.com |