|
A MICROREIVINDICACIÓN GALEGOBERCIANA IGNORADA POLO ACADEMICISMO Chamamos microreivindicación á dinámica reclamativa a cotío feita de xeito constante e continuo polo movemento galegoberciano. No caso de Fala Ceibe incluímos nesa categorización diversas formas de activismo. Así se concretan no buzoneo casa por casa, pobo por pobo, barrio por barrio, cartas aos directores dos centros escolares, ao profesorado e ás asociacions de mais e pais, participación en foros bercianos para internautas, queixas ao Procurador do Común de Castela e León (o Defensor do Pobo rexional), entrevistas con políticos do pp, psoe, iu..., comunicados de prensa, actualización da nosa web www.falaceibe.tk, pequenas investigaciois filolóxicas, históricas, toponímicas, xurídicas, etc, turismo cultural que procura o contacto cos lugareños na súa lingua, recollida de libros galegos para doalos ás bibliotecas públicas e mailos centros escolares do Bierzo, pegada de carteis polas rúas, nas paradas dos autocarros, etc pintadas correctoras da toponimia, diálogo polémico vis a vis sobre dialectismo/normativización, actos culturais públicos, etcétera.
Pois ben, cando lemos os artigos de investigación sobre a nosa problemática lingüística, feitos polo profesorado das universidades galegas, ningunha referencia á microreivindicación galegoberciana. Estes profesores confórmanse con facer catro mencións ás resolucioóns aprobadas polos foros políticos (Congreso dos Deputados, Cortes de Castela e León, Parlamento Europeo...), como se os políticos, sexa cal for a súa ideoloxía, tomasen esas iniciativas de motu propio. Que saiban eses investigadores de sona que normalmente os políticos conforman as súas decisións tras seren obxecto da presión social do noso movemento galegoberciano, que lles pregunten se non nos cren!. Todo semella indicar que hai bo casamento entre os poderes académico, universitario e político ¿será porque no fondo cobran todos eles dos mesmos cartos públicos?. Eses investigadores académicos só se fundamentan en documentación escrita parcial. Ignoran as informaciois dos xornais e radios comarcais ou as outras fontes directas (entrevistas, páxinas web nosas, comunicados, etc). Ás veces resúltalles de máis interese a ocasional publicación dalgo en galego nunha revista local fronte á nosa ampla e variada dinámica revindicativa de anos. ¿Pódese ignorar o activismo reclamativo de Fala Ceibe dende 1998 dese xeito tan subxectivo?. Cada vez máis a súa visión da realidade reclamativa non é a nosa; que salgan xa dos seus acolledores despachos e deixen de agocharse tralos computadores. MASSIVE ATTACK, X04 |