RECOÑECEMENTO DO GALEGO NA LEI DO CONSELLO DO BIERZO, É DE DIREITO Xabier Lago Mestre, Presidente do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
O idioma galego xa ten un recoñecemento legal no Estatuto de Autonomía de Castela e León, como nos indica o seu propio coneudo, "gozará de respeto y protección la lengua gallega en los lugares en que habitualmente se utilice” (artigo 4.3.). Ninguén dubida de que eses lugares en que se utiliza o galego son a Alta Seabra e O Berzo ocidental. Ademais, cando o citado Estatuto de Autonomía alude á regulación da Lei da Comarca do berziana, refere-se a que se teñan en conta "as suas singularidades e a sua traxectoria institucional" (art. 46.3). Entre esas singularidades atopa-se o mantemento secular do idioma galego no noso territorio periférico. Por todo iso resulta lóxico demandar un recoñecemento expreso da lingua galega na futura reforma da Lei do Consello Berciano.
O idioma galego non ten recoñecemento de oficialidade na Comunidade Autónoma de Castela e León. Esta falta de declaración oficial non impide un uso institucional e administrativo parcial do galego por parte do Consello Berciano, concellos e xuntas veciñais. Non ser lingua oficial impide que o galego teña a eficacia xurídica que posúe o castelán. Pero o uso administrativo secundario do galego fundaméntase no recoñecemento legal e xurídico, concretado no visto Estatuto de Autonomía de Castela e León e na propia Constitución española, ? protección da riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección" (art. 3.3). Queremos indicar aquí as posibilidades de inclusión expresa do idioma galego na reforma da Lei da Comarca do Bierzo. Comezamos pola referencia ao ámbito territorial. Nada impide que se inclúa a relación de municipios que compón o noso territorio en denominación bilingüe. Así, os municipios do Bierzo occidental poden aparecer da seguinte forma: Peranzanes/Peranzais, Veiga de Espinareda/A Veiga de Espiñareda, Fabero/Fabeiro, Villafranca del Bierzo/Vilafranca do Bierzo, Veiga de Valcarce/A Veiga de Valcarce, Balboa/Valboa, Barjas/Barxas, Camponaraya/Camponaraia, Villadecanes/Viladecais, Borrenes/Borreis e Ponte Domingo Flórez/A Ponte Domingo Florez. Sen esquecer a propia denominación do noso territorio, O Bierzo/O Bierzo. Estas denominacións bilingües non alteran a actual oficialidade da lingua castelá, e cumpre coa obrigación que fixa a Lei de Réxime Local de Castela e León, "denominación dos municipios haberá de ser en lingua castelá, respectándose as denominacións existentes á entrada en vigor desta Lei " (art. 24.1). Desta forma comezarase a respectar a recuperación da nosa toponimia galego-berciana. Ademais, a citada proposta de municipios bilingües xa se practica noutras comunidades autónomas. As comarcas orientais da chamada Franxa de Aragón, con recoñecemento legal como a do Bierzo, denominan de xeito bilingüe, en castelán e catalán, os seus municipios. En fin, os actuais alcaldes e concelleiros bercianos, afectados por esta modificación bilingüe dos seus municipios, non teñen que preocuparse. Este mínimo cambio non altera para nada a oficialidade da denominación actual dos seus municipios. Por outra banda, fai falta crear un novo artigo da Lei da Comarca do Bierzo que faga referencia expresa á lingua galega. Deste xeito cumprirase co mandato lingüístico do Estatuto de Autonomía de Castela e León, segundo o estipulado no visto artigo 4.3, e que tamén é aplicable aos entes locais do Bierzo. A isto engadimos a referencia a presenza das singularidades na Lei da Comarca (art. 46.3), caso do idioma galego do Bierzo occidental. Así pois, é imprescindible contar coa mención concreta da lingua galega no articulado de devandita Lei autonómica. Neste contexto, propomos o seguinte artigo da lei territorial como ponto de partida e debate.
Artigo. USO DAS LINGUAS DO BIERZO.
1. O castelán é a lingua oficial do Estado. O galego é idioma propio do Bierzo occidental. O galego representa unha singularidade cultural e histórica que conforma a minoría lingüística a protexer.
2. O Consello Berciano fomentará a utilización institucional do galego, mediante servizos de información bilingües, segundo determine o regulamento de uso de linguas.
3. O Servizo Lingüístico Berciano apoiará o uso do galego polos concellos e as xuntas veciñais, así como estimulará a súa utilización pola cidadanía. Terá especial intervención no ensino, as tecnoloxías da información e na recuperación do dereito consuetudinario, propio do Bierzo occidental, en galego.
4. Establecerase a toponimia dos municipios occidentais ademais de na sua forma tradicional castelá, na sua forma orixinaria galega.
5. Regularizaranse as relacións administrativas con institucións de Galicia para executar programas de normalización lingüística e cultural.
O comentario desta proposta de artigo lingüístico incide na oficialidade do castelán e na non cooficialidade do galego, aínda que se lle recoñece o carácter de idioma proprio e territorial. Insíste-se en que esta peculiaridade cultural conforma un direito lingüístico a protexer polo feito de ser minoría, tal e como establecen os artigos 8.2 e 16.23 do Estatuto de Autonomía de Castela e León, e a carta europeia das linguas minoradas. (http://www.agal-gz.org/modules.php?name=Downloads&d_op=viewdownload&cid=7) A utilización institucional do idioma galego, por parte do Consello Berciano, concéntrase especificamente nos servizos de información, en contacto directo cos cidadáns. Será o Regulamento de uso de linguas quen estabeleza a forma e o procedemento en que se prestará este servizo de información. O Consello do Bierzo deberá crear un Servizo Lingüístico que promocionará o uso institucional do galego por parte dos entes locais (concellos e xuntas veciñais). Este Servizo Lingüístico desempeñará outras funcións: ensino do galego ao pesoal funcionario e laboral, fomento de novas tecnoloxías neste idioma, recuperación toponímica e demais. Para rematar, resulta lóxico pedir unha referencia expresa en devandito artigo ás relacións interadministrativas con Galiza. O Consello do Bierzo debería establecer e executar programas de colaboración educativa, cultural, ambiental, turística, etcétera. Todas estas propostas lingüísticas para a reforma da Lei da Comarca do Bierzo son competencias viábeis e facilmente asumíbeis. Tampouco ficaria demais algum reconhecimento do Leonês, que alén da sua situacion social actual e do seu uso, é co galego unha das línguas originais e póprias do Bierzo, sendo ademais as duas línguas de intímisima proximidade ao serem variantes do galaico alto medieval. xaneiro de 2010. www.obierzoceibe.blogspot.com |