A COMARCA DO BIERZO COMO ENTE TERRITORIAL,
Por Xabier Lago Mestre. presidente de Fala Ceive
A actual Lei da Comarca do Bierzo ten importantes carencias que, despois de cumpridos os 19 anos da súa aprobación, deben ser emendadas mediante a reforma que se pretende facer. O primeiro de todo é determinarmos que tipo de institución local queremos, capaz de adaptarse ás necesidades e aspiraciois dos berzianos. Para chegarmos a esa pretensión temos que partir dos limites xurídicos que o proprio ordenamento fixa, casos da Constitución Española, o Estatuto de Autonomía de Castela e León ou a Lei de Bases de Rexime Local.
A Constitución Española concreta que "poderanse crear agrupacións de municipios diferentes da provincia" (artigo 141.3). Para os xuristas este apartado non se refere às mancomunidades pois aparece no artigo das provincias e non dos municipios. Por outra banda, máis adiante indíca que "mediante a agrupación de municipios limítrofes, os Estatutos poderán establecer circunscricións territoriais propias, que gozarán de personalidade xurídica" (art. 152.3). Isto permitiu às Comunidades Autónomas de terem fixado a súa propia organización territorial, exemplo das comarcas en Aragón e Catalunya, ou a propia creación da Comarca do Bierzo en Castela e León. Esta institución é a única recoñecida na Comunidade Autónoma, unha proba máis da súa especificidade.
As Cortes Xerais aprobaron a última reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León no 2007. O Poder Lexislativo do Estado concretou expresamente unha maior autonomía institucional para O Bierzo, mediante o artigo 46.3, "Unha Lei das Cortes de Castela e León regulará a Comarca do Bierzo, tendo en conta as súas singularidades e a súa traxectoria institucional". Comentamos que este apartado significa unha nova protección estatutaria, mediante Lei orgánica, que debe ser respeitada, tanto polo Parlamento de Valladolid como pola Xunta autonómica. Resulta relevante que este mandato estatutario vén reformar o conteúdo da actual Lei da Comarca. Hai que insistir en que este ente institucional berzano, aínda que sexa legalmente unha Comarca, será moi diferente ao resto de comarcas que se pudesen crear en Castela e León, por este peculiar rexime estatutario do que goza.
Algúns queren restrinxir o rexime xurídico especial do Bierzo coa nova reforma, a nivel competencial, eleitoral, orgánico, financeiro e demais, ignorando o mandato do Estatuto de Autonomía de Castela e León. Conviría lembrar que a protección extraordinaria que ten o ente berciano foi aprobada polas Cortes Xerais, xa que a proposta das anteriores Cortes de Fuensaldaña só incluía unha vaga mención no preámbulo, para nada vinculante legalmente. Agora, coa futura reforma, non deberían repetirse erros políticos pasados, como o comentado, porque sería ningunear o conteúdo do propio Estatuto de Castela e León.
Tamén as propostas restritivas para a autonomía do Bierzo pretenden fundamentarse na Lei de Bases de Réxime Local. Nela indícase que son entes territoriais: os municipios, as provincias e as illas (art. 3.1). Pero resulta un grave erro xurídico considerar que ese apartado pecha a denominación de entes territoriais ao resto de institucións locais. O propio Tribunal Constitucional referese a que "as comarcas teñen un forte grao de interiorización autonómica", polo que procede ás Comunidades Autónomas determinar as súas potestades e competencias (STC. 214/1989, FJ. 4º). Deixando así plena autonomía às Comunidades Autónomas para concretar que entes son territoriais, casos das comarcas catalás (Lei 6/1987) ou a paroquia galega (Lei 5/1997). Nada impide pois que as Cortes de Valladolid definan xa á Comarca do Bierzo como ente territorial en base ao seu rexime xurídico especial, concretado polo visto Estatuto de Autonomía de Castela e León.
No fondo a declaración da Comarca do Bierzo como ente territorial supón a vontade do lexislador de conceder unha representación xeral de intereses colectivos da súa comunidade, e non ser un mero xestor de servizos públicos, para isto último están xa as mancomunidades. Referímonos a que o Consello Xeral Berciano debe ter a universalidade de fins xerais, de carácter supramunicipal, que caracteriza aos entes territoriais. Ademais estes agrupan á totalidade da poboación existente no seu territorio, mentres que o non territoriais só afectan a determinadas categorías de persoas. Por todo iso, os entes territoriais teñen recoñecidas as potestades das administracións superiores. A Lei de Bases de Rexime Local recoñece que o grupo de potestades do art. 4.1 "poderá ser de aplicación ás entidades territoriais de ámbito inferior a municipal e, así mesmo, ás comarcas", só falta que o Parlamento de Valladolid faga un recoñecemento pormenorizado desas potestades na Lei da Comarca do Bierzo. Así esta última terá máis autonomía, como ente territorial que debe ser, o que evitará a súa dependencia actual doutras administraciois territoriais. Todo o contrario acontece coas mancomunidades xa que están vinculadas totalmente aos municipios que as crearon.
Insistimos en que as Cortes Xerais tem feito un importante recoñecemento institucional do Bierzo, amparando aínda máis a autonomía deste territorio. O mandato lexislativo referese a "ter en conta as súas singularidades e a súa traxectoria institucional?. Esas singularidades veñen determinadas polas súas características demográficas, xeográficas, culturais e lingüísticas (exemplo da língua galega) que deben ser protexidas polo novo estatuto xurídico que se pretende para O Bierzo. Igualmente, esa traxectoria institucional" fai mención a un pasado histórico cun continuado recoñecemento territorial e institucional, que desde finais do século XV, coa Provincia do Bierzo, culmina coa creación da Provincia de Vilafranca do Bierzo no século XIX.
Non se trata de demandar agora a recuperación da Provincia para O Bierzo, mas tampouco que se nos coarte o noso lexítimo dereito á autonomía territorial. O territorio pirenaico de Arán, a pesar das diferenzas, pode ser un modelo para o recoñecemento institucional berziano. A última reforma do Estatuto de Catalunya (2006) denomínao "entidade territorial singular" (art. 11), o mesmo que pretendemos para O Bierzo, en base ao proprio Estatuto de Autonomía de Castela e León. As especificidades históricas e lingüísticas de ambos os dous territorios periféricos fundamentan a concesión da autonomía. Os araneses xa viron culminadas as súas aspiraciois de autogoberno, os berzianos seguimos aguardando que, tanto a Xunta como as Cortes de Valladolid, non volvan concedernos un estatuto xurídico devaluado, como xa aconteceu coa vixente Lei da Comarca de 1991.
Ponferrada, xuño de 2010 publicado tamén en www.obierzoceibe.blogspot.com |