Para explicar o que é que nós FALA CEIVE somos, e que é o que facemos imos colar uns excertos dos Estatutos da nosa asociación cultural.
No artigo 1º, declara-se que FALA CEIVE, é unha Asociación Cultural para a defesa e promoción da Cultura e da Língua Galegas.
Que se completa co disposto na disposición adicional quinta:
FALA CEIVE, e unha Asociación Cultural, independente de partidos políticos, organizacióis relixiosas ou de cualquer outro tipo, opondo-se a discriminación por razóis de xénero, raza ou pensamento, respeitando o pensamento de cada un dos seus sócios e sócias.
No artigo 2º, define-se o noso ámbito fundamental de actuación, como o da Comarca do Bierzo, definido na Lei da C.A. de Castela e León 1/91 de 14 de Marzo, pola que se cria e regula a comarca do Bierzo.
No artigo 4º estabelecen-se os fins de FALA CEIVE, que son:
1– O Impulso a normalidade plena nos usos da língua galega en todos os campos: ensino, administración pública, relixión, xustiza, meios de comunicación, novas tecnoloxias, ócio; favorecendo o desenvolvimento pleno e o viver normal na própria língua dos habitantes galegófonos e das zonas galegófonas, nos territórios sinalados no artigo 2º, asi como a transmisión interxeracional da nosa língua e da cultura que nos marca, legado recebido dos nosos pais e avós.
2– A defesa e protección dos direitos linguísticos, individuais e colectivos, para garantir a normalidade da nosa língua, reclamando para a mesma á protección legal e o cumprimento do disposto na Carta Europeia para as Línguas Minoradas.
3- A realización de todo tipo de actividades culturais, nomeadamente cursos e seminários de cara a mellorar a formación de afiliados/as, simpatizantes, e do noso entorno social.
4– O estreitamento dos lazos culturais e vitais cos territórios e comunidades informados pola mesma realidade cultural e linguística.
5– O estabelecimento de acordos de colaboración cos organismos, asociacións e grupos que visen a normalización da língua galego-portuguesa ou galega, nos territórios con esta língua na C.A. de Castela e León, e noutras comunidades autónomas do estado español.
Esa declaración dos nosos fins, nós, relacionamo-la coa disposición adicional segunda do Estatutos que di:
FALA CEIVE, apreza, valora e impulsa, o apoio mutuo cos movimentos a prol da língua asturo-leonesa.
Para FALA CEIVE, o Bierzo é unha unidade, onde as (pequenas) diferenzas linguisticas territoriais orixinárias, non son obstáculo, como nunca o foran, para todos orgullarmonos da nosa condizón comun de berzianos e promover o coñecimento das distintas realidades linguísticas próprias que nos caracterizan, as do galego-portugués ou galego e as do asturo-leonés ou galaico oriental, galor. (segundo o linguista Coseriu).
Para FALA CEIVE o apoio mutúo e solidário destas duas nosas línguas tan próximas e intimamente unidas desde a sua orixe (duas variantes do protogalaico), son un dos mellores instrumentos para levar adiante os fins da nosa asociación con suceso.
Para FALA CEIVE, o noso ben mais prezado é a nosa formosa língua. Ela é o cerne da nosa cultura, e é con ela que estamos no mundo, no universo galego-português; ela fai sermo-nos como somos.
Se tu compartes connosco iso mesmo, unete-nos, pois é muito o traballo a fazer e cumpren brazos. Onde queira que tu estexas non estarás só. Na tua aldeia, no teu concello, no teu traballo... tamén se pode constituir un grupo de FALA CEIVE, por pequena que sexa a tua aportación sempre será muito, pois cada quen pode segundo as suas capacidades e a ninguén se pon chatas. Aproveita-te, que nestá mesma página web xá podes inciar ese contacto