RECOÑECEMENTO MUNICIPAL DA PROVINCIA DO BIERZOPor Xabier Lago Mestre, presidente de Fala Ceive
O Concello de Castropodame foi o primeiro en facer un recoñecemento oficial da Provincia histórica do Bierzo. O pasado 29 de maio o seu alcalde descubriu a placa da Avenida da Provincia do Bierzo. Desta maneira, por fin dáse o primeiro paso de cara a un maior e xeneralizado recoñecemento municipal da máis importante institución histórica do Bierzo.
As rúas das poboaciois da nosa rexión teñen diversas denominacións de escritores, políticos, monumentos, ríos, montañas... alén do recoñecemento á toponimia menor máis local. No caso de Ponferrada, aparecen os nomes de Foros de León e Reino de León, pero sorprende que non se dedique un espazo público urbano á Provincia do Bierzo, principal institución histórica da nosa rexión. Está ben que a autonomía local sirva para elixir democraticamente o nome das rúas das nosas poboacióis, superando as imposicións da época franquista. Agora ben, sería conveniente que o nome da Provincia berciana estivese presente en todos os rueiros dos municipios da nosa rexión, como digna homenaxe ao noso pasado institucional colectivo. O recoñecemento na actualidade da Provincia do Bierzo significa recuperar a nosa historia. Pero é que a simboloxía colectiva, caso da Provincia, reforza tamén a nosa autoestima e provoca a cohesión social fronte á excesiva dependencia territorial e institucional allea. Os vínculos tradicionais e presentes poden axudarnos a afrontar mellor a crise económica e social que atravesamos para confiar máis no noso futuro colectivo.
Para os escépticos neste tema, lembramos que o propio Estatuto de Castela e León insta as Cortes de Valladolid a aprobar unha Lei para O Bierzo, ?tendo en conta as súas singularidades e a súa traxectoria institucional? (artigo 46.3). Esta expresa referencia ao noso pasado institucional inclúe a existencia pretérita da Provincia do Bierzo. Convén que a distingamos da máis coñecida Provincia de Villafranca do Bierzo, creada por Decreto de 27 de xaneiro de 1822, de tipo liberal, gobernada pola Deputación provincial, tras a elección dos seus deputados por democracia censitaria. Os críticos afirman que esta institución tivo unha existencia temporal curta. Fronte a isto último, convén dicir que a chamada Provincia do Bierzo, do Antigo Réxime, é coñecida desde finais do século XV, e que pervive nos séculos seguintes da chamada Idade Moderna. A Provincia do Bierzo non contaba cun órgano de goberno específico. Esta tiña unha delimitación territorial máis ampla que a actual, caso da Somoza astorgana e parte de Valdeorras. A nosa Provincia do Bierzo posuía un claro recoñecemento territorial e preinstitucional, ao estar vinculada desde a súa orixe ao corrixidor de Ponferrada e á súa acción competencial (fiscalidade, xudicial, militar, goberno?). Iso si, na Provincia do Bierzo eran maioría os señoríos laicos e seglares, por iso é polo que a acción do principal oficial real, o citado corrixidor, estivese condicionada pola existencia das devanditas xurisdicións señoriales.
Todo o devandito serve para argumentar un maior recoñecemento municipal de nosa máis importante institución territorial propria, a Provincia do Bierzo. Os Concellos da rexión deberían homenaxear á nosa Provincia histórica berciana, polo menos dedicando o seu nome a unha vía de comunicación, caso de Castropodame, ou coa creación dun monumento escultórico na súa honra. O esforzo colectivo e secular que significou a Provincia do Bierzo, así como a posterior loita pola súa recuperación, nos séculos XIX e XX, é todo un exemplo para os bercianos que esiximos hoxe máis autonomía política para a nosa rexión.
O Bierzo , xuño de 2010. x |