AS FESTAS PATRONAIS DE PONFERRADA, FALA CEIBE FIXOAS VINDICATIVAS
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
Aproveitando as festas patronais de Ponferrada, e o entusiasmo festeirio e vindicativo de moitos ceives, fixemos un chisco de activismo vindicativo. Así continuamos co noso tradicional recurso de introducir nas caixas dos correos, materiais de Fala Ceibe en varios concellos, neste caso foron os de Ponferrada, Camponaraia, Cacabelos, Vilafranca e Toural dos Vaos.
Sen discriminar a partido nengún, deixamos panfletos ceibes aos seus concelleiros sobre as nosas demandas en relación cunha maior protección legal da nosa lingua na Comunidade Autónoma e cun máis grande alcance competencial e recoñecemento do Consello d´O Bierzo no proprio Estatuto de Autonomía de Castela e León. Durante o noso percurso polos ditos concellos tamén fixemos colaxe de cartelaría nas paradas do autobús. Xa na cidade de Ponferrada colocamos os nosos sobres con materiais ceibes nas sedes dos partidos (PSOE, PP, IU, PB e MAS), na procura de concienciar a estas formaciois verbo da necesidade de incluír as nosas demandas culturais nos seus programas políticos de cara ás elecciois de maio do 2007.
Foi feita unha nova doazón de libros infantís e xuvenís na nosa língua ancestral para o bibliobús da Deputación de León, xa que este vehículo percorre O Bierzo ocidental, vai polss vilas, lugares e aldeas que aínda non tein bibliotecas municipais.
Aproveitamos esta ocasión para informar da estratexia vindicativa de Fala Ceibe para o que resta do ano 2006. O tema máis importante que temos que desenvolver é a reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León. O Bierzo xógase moito neste período de tramitación deste proxecto de lei. Fala Ceibe intentará ter protagonismo na reforma desta lei rexional porque pretendemos acadar a oficialidade do noso idioma d´O Bierzo e da Alta Seabra. Neste sentido, para presionar máis aos políticos da Comisión parlamentar de reforma do dito Estatuto de Autonomía (www.ccyl.es) intentaremos conseguir o apoio da Patria Galega: do seu Parlamento, dos partidos, das instituciois, dos colectivos e das persoas individuais. Será difícil que os políticos de Castela e León nos concedan o recoñecemento de oficialidade para o galego d´O Bierzo, mas prometemos dar, unha vez máis, unha dura briga institucional e social, como xa fixemos na anterior reforma estatutaria de 1998, e que tan bos resultados deu finalmente, malia ao rexeitamento primeiro que tivemos tamén naquela ocasión, de moitos que permaneceron pasivos...Qué farán nesta ocasión eses criticois?...
Anticipamos que tamén participaremos activamente na Xornada Bercianista, organizada polo Partido do Bierzo, para a primeira fin de semana deste novembro de 2006, e que consistirá na apresentación de dous relatorios sobre a historia das divisiois territorias d´O Bierzo, e a política territorial da formación bercianista, e nun debate final que contará coa participación de representantes dos distintos partidos que explicarán as súas propostas de recoñecemento da especificidade territorial da nosa rexión nos Estatutos de Autonomía de Castela e León e consecuentemente nunha nova regulación do Consello d´O Bierzo.
Ponferrada, setembro de 2006 |