|
Portas abertas ao galego nas Portelas |
|
|
|
Mércores, 13 de Decembro do 2006 |
PORTAS ABERTAS AO GALEGO NAS PORTELAS-SEABRA Cuns encontros festivos celebrouse que o galego poderá ser aprendido nas Portelas (Castela e León). Unha lingua aínda moi viva na comarca loita polo seu recoñecemento. A lingua galega, a que se fala nos concellos zamoranos da Portelas (Porto, Pías, Lubián e Hermisende), poderá contar por fin con vía libre no colexio Tuela-Bibey. Os rapaces destes concellos non terán que despedirse da lingua que lles aprenderon os seus pais. Un triunfo polo que leva anos traballando Felipe Lubián, académico correspondente da RAG, deputado do Parlamento de Castela e León e principal artífice do acordo entre a Junta desta comunidade e a Xunta de Galicia, que fai posible o ensino do galego no Bierzo e, agora, nas Portelas.
As I Xeiras de Lingua e Cultura Galegas que se desenvolveron en Lubián, organizadas pola Asociación Xente Nova e pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, puxeron de manifesto que non hai razón para que o galego non entre na escola que atende os 13 alumnos de primaria destes concellos. No encontro, patrocinado polo Concello de Lubián e pola Xunta veciñal de montes, houbo un debate no que participaron a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, Santiago Cid, inspector da Consejería de Educación da Junta, a directora do colexio de Lubián, Sonia Rivero, o xefe do departamento de lingua castelá do IES de Puebla de Sanabria, José Jesús Cruz, e o propio Felipe Lubián. Tanto a representante da Xunta como o inspector da Junta amosaron a vontade de favorecer a pluralidade lingüística e facer posible que a lingua galega forme parte do ensino nas Portelas. |