ENTREVISTA CON CARLOS BELLO N'A NOSA TERRA Carlos Bello Stout ten as suas raices no Eu-Návia, concretamente em Taramunde, é leva muito tempo ligado à Fala Ceive, sendo um ceive entusiasta e comprometido. Gañou o certame sobre os direitos civis na Galiza, convocadio polo movemento polos direitos civis, coa colaborazon da Dirección Xeral da Xuventude e voluntariado do governo galego. O texto do traballo premiado tamén está disponibilizado nesta mesma páxina nosa no apartado de descargas. Polo seu interese e grazas a autorización d'A Nosa Terra, disponibilizamos a elucidativa entrevista que este competente advogado deu ao citado xornal.
Carlos Bello Stout ‘Din que os de Taramundi son asturianos mas en Oviedo chámamnos galegos’
H. Vixande Co traballo “Dereitos lingüísticos na faixa oriental” gañou o Certame dos Dereitos Civís en Galiza que organizaban o Movemento polos Dereitos Civís e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta. É licenciado en dereito e militante de Fala Ceibe do Bierzo. Chámase Carlos Bello Stout. Cento cincuenta mil persoas que falan galego pero que non teñen protexidos os seus dereitos lingüísticos. Demasiada xente. Eses son os falantes potenciais. Non son filólogo e manexo as cifras de Henrique Costas, que di que os falantes reais son 75.000. O resto viven en zonas nas que se fala galego e están en contacto co idioma de forma constante.
De todas formas, o galego está máis protexido en Castela, onde son 25.000, que en Asturias, onde hai 50.000 galego falantes. Si, é curioso. Hai varios factores. Un deles é a forte identidade berciana. Outro as liortas entre Castela e León, onde o Bierzo é o terceiro en discordia. En Asturias pasaron cousas estrañas. Nos últimos anos a súa economía caeu en picado e busca causas exteriores. Hai quince anos ninguén negaba que o que se fala no Eo é galego.
En Asturias agora mesmo deturpan os nomes de lugar. Santaolaya d’Ozcos é un exemplo. Son cousas esperpénticas. Tratan de subdialectalizar o galego. Como non poden negar que é distinto do que se fala en Covadonga, din que é unha forma dialectal do bable. Ou tamén que non é galego nin asturiano, senón unha terceira lingua. E claro, rotulan os topónimos coas normas do bable.
O caso asturiano é peculiar. Acúsanos de imperialistas por protexer os dereitos lingüísticos dos que falan galego. Un imperio é unha nación que trata de dominar outro territorio. Neste caso é autodefensa. Estanos a exterminar culturalmente porque Taramundi é un berce cultural da cultura galega como Vilafranca do Bierzo ou Melide. En Asturias persiste certo desprezo polos galegos.
Meu pai estudou en Xixón, alí berraban “Galego o último”. El, veigueño, non tiña que correr, considerábano galego. Din que non é Galiza pero cando van ao Oviedo chámanos galegos. Que esquizofrenia!
Tamén é certo que nos últimos tempos os do Eo-Navia renegan do galego. Se tivesen ao lado a Holanda sería outra cousa. É máis fácil escoller un país rico. Pode que exista autoodio, mais tamén o hai nalgunha cidade do norte do país. É un sentimento tan galego...
No Bierzo e nas Portelas a cousa é distinta. Reivindican a lingua. Porque no Bierzo forman unha unidade xeográfica con Valdeorras e os de Lubián van ao hospital a Verín.
Aínda que hai casos peculiares. Un mestre en Lubián só deixa falar castelán e inglés. Ese é alcalde de Hermisende, que é outro concello de fala galega. Sorte que fronte a el está Felipe Lubián, que si defende o galego e que foi alcalde de Lubián.
E o novo estatuto castelán podería relegar o galego por debaixo do leonés. A reforma mantén o galego como está pero aumenta a protección do leonés, aínda que eu non atopei a ninguén que o falase. Os deputados galegos deben corrixir este problema cando se debata no Congreso.
Eles reclaman a lingua e a Academia pórtase: nomeou vocais desas zonas. Que menos! Aquí podíase facer máis. O plano galego de normalización contempla medidas moi sensatas e factíbeis sen contar con Castela e León, mais non se levan adiante.
Noutras comunidades recoñecen as linguas en casos como o galego no exterior. O aranés é claro: é oficial en Catalunya. O occitano, que ocupa a metade de Francia, só se protexe de verdade no Val de Arán, en Catalunya, onde hai tres mil persoas. Acontece en Catalunya porque é moi sensíbel coa cuestión da lingua. |