Domingo, 07 de Setembro do 2008
 
   
Obxetivo: Amnistía Internacional, parabéns e suxestión. (16.06.2008)

 Amnistía Internacional vén de celebrar os 30 anos da súa legalización no Estado Espanhol, e 20 de presenza continuada na Galiza. A Ciberirmandade quere sumarse cos parabéns evidentes polo aniversario e máis polo traballo feito e cunha suxestión que ten que ver coa pouca sensibilidade de  A.I. a respecto das distintas linguas do Estado, que se plasma na falta de opción de galego, catalán e euskera na web da “sección Española” de  A.I., así como nas campañas de envío de correos electrónicos que remiten ás/aos soci@s e colaboradores.

Cremos que unha organización como A.I. non debería de ter maior problema, nin polos valores e principios que defende, nin polos recursos que se lle supoñen, en satisfacer os dereitos lingüísticos das distintas comunidades do Estado. Por todo isto animámosche a enviarlles este prego de felicitación e suxestión.

Menú Principal
Inicio
A CiberIrmandade
Obxectivos
Novas CiberIrmandade
Novas de usuarios/as
Os foros
Tradución de software
Portal de formazón
Galería de imaxes
Documentos, artigos
Descargas
Contactar connosco
Recibir novas
Ligazóns

Dez anos de CiberIrmandade Imprimir Correo-e
Escrito por minhoca   
Venres, 08 de Setembro do 2006
10 Anos na Rede da CiberIrmandade da Fala

Lémbraste do ano 1996? Todos e todas tiñamos dez anos menos. En 1996 xa existía a rede de redes. En Galiza era algo novo ao que poucos e poucas tiñan acceso. Naquela incipiente arañeira xa agromaban algunhas páxinas en galego, non máis de 300, pero xa as había. Nese contexto no que a internet comezaba a existir para a sociedade galega naceu a CiberIrmandade da Fala. Hai dez anos, que en tempo-rede é un eón. Dende aquela, foron moitos os webs galegos que desapareceron, mais a CiberIrmandade sobreviviu e hoxe, unha década máis tarde, somos unha das organizacións máis antigas da rede.

Foi en decembro daquel prehistórico 1996 cando se enviou a primeira mensaxe, cando tivo lugar a primeira acción da CIF. Nestes dez longos anos, nos que a CIF viviu momentos de actividade frenética e momentos de coma profundo, propuxéronse centos de obxectivos, dos que máis de 70 foron aceptados como tales polo grupo de ciberimandiñ@s. Unha pequena parte deles tiveron unha resposta inmediata dos xestores ou xestoras dos sitios, que procederon a galeguizala. Só por iso xa paga a pena todo o esforzo. E dos que non chegaron a facelo, foron moitos os que adicaron uns minutos a valorar esa posibilidade, o que tamén consideramos un éxito. Traducíronse programas, colaborouse con asociacións en defensa do galego, organizáronse campañas especiais...

Mais a CIF nunca viviu de costas ao mundo e pechada na súa burbulla internáutica. Tamén reaccionou como movemento social en determinados momentos: apoiando recentemente a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués, posicionándose publicamente contra a lei de patentes de software, tinguíndose todo de negro un 19 de novembro...

Este ano 2006 queremos que sexa o do relanzamento definitivo da CIF. Contamos cunha nova páxina, un sistema de foros, novos contidos, máis colaboradores/as, un aumento substancial das visitas. Unha renovación total das formas e dos métodos de traballo que non nos fai esquecer o fondo, o motivo que nos une a todos os ciberirmandiños e ciberirmandiñas, a razón pola que a CIF existe: a promoción do uso do galego.

Neste décimo aniversario, desde a Ciberirmandade da Fala contamos contigo, coa túa participación, contamos con que exerzas os teus dereitos cidadás para facerlle chegar ás empresas a mensaxe de que o galego é importante, para esixirlle as administracións o cumprimento da lexislación, para defender en definitiva o noso patrimonio máis valioso, a lingua.
Agardámoste!

 10 Anos na Rede da CiberIrmandade da Fala

UN PERCORRIDO POR DEZ ANOS DE HISTORIA  

Na prehistoria da rede

Segundo o libro “Da periferia á rede”, en 1995 so existían uns 25 webs en galego, pasando a uns 300 ao ano seguinte. Estamos en 1996, na prehistoria en termos de InterNet, tempos de MS-DOS, Windows 3.1, Nestcape, virus barrotes; os webs eran simples páxinas de HTML estático, sen xestores de contidos, nin blogs, nin foros; o chat ou a mensaxería instantánea eran utopía; había que pagar por ter un espazo no que meter un web, e inclusive polo dereito a uso dunha conta de correo (por suposto, nada de webmail tipo yahoo, gmail ou hotmail); o máximo de programación na rede era o linguaxe Perl; a única maneira eficaz de comunicación directa con outros usuarios eran as roldas de distribución (non era doado atopar onde montar unha), e de entre elas, destacaba polo seu dinamismo, a rolda Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver

GALICIA-L foi un dos primeirísimos puntos eficaces de comunicación entre galegos e galegas na rede, e nela comezaron os contactos entre a xente que sentía gañas de discutir e facer cousas pola nosa lingua, a nosa cultura, por Galiza. Cousas como galego21, fillos.org, o grupo de novas soc.culture.galiza, as primeiras roldas de grupos nacionalistas, ou a CiberIrmandade da Fala, son froito de xente que participou dalgunha maneira en GALICIA-L.

1996.- Primeira etapa

 En 1996 era evidente a grave insuficiencia de contidos en galego na rede, algo inaceptábel para moitos e moitas. A nula presenza da nosa lingua nestes primeiros anos da rede levou a que xente comprometida coa lingua se organizase para transmitir demanda ás empresas ou esixir ás institucións. Así nace a finais de 1996 a CiberIrmandade da Fala (daquelas chamabámonos “Ciberirmandades da Fala”, en plural).

Camilo Regueiro xunta un grupo de xente interesada, deseña un web, confecciona os primeiros programas para uso interno, elabora uns xogos infantís. Manuel Casal fai un script de consellos léxicos. Anxo Sánchez fainos un oco nun servidor da UCM (“Valbuena”) e monta unha rolda de distribución.

A nosa URL: http://valbuena.fis.ucm.es/~camilor . Inda que complicada de mais, non era algo anormal para eses tempos, e requería que o usuario premese “Alt+126” para obter o simbolo “~”.

En 1998 preparamos o primeiro cartace publicitario; así que decidimos facer un reparto o día da Patria; quedamos en Compostela, e acuden Camilor, Ramón Flores, Xelo Martínez e minhoca; tralo reparto e manifestación, por suposto que uns viños cairon. Esta foi a primeira, e ate hoxe, única vez que un grupo de ciberirmandiños se coñecen e actúan fisicamente.

Nos primeiros anos pretendiase que os destinatarios dos correos non percibisen que se trataba dun colectivo organizado, polo que cada quen tiña que redactar o seu propio texto e facer os envios en datas preestablecidas. Ao longo do tempo, o número de subscriptores puido fluctuar entre 50 e 150 “ciberirmandiños”. Mais os métodos, sen mensaxes modelo, con datas estrictas, co requisito de subscripción previa, cun web estático, facía que a participación real nas campañas fose moito mais cativa desas cantidades.

A pesares de todo, conseguironse algúns obxectivos, destacando a galeguización do web de Estrella Galicia ou a empresa de transporte Castromil (xa desaparecida).

1999.- Segunda etapa

 Coa aparición de Windows 98, remodelamos o web. Lanzamos unha campaña pola galeguización dese software de Microsoft. Son os tempos das primeiras coordinacións con outras organizacións, destacando A Mesa pola Normalización Lingüística e a Plataforma polo Galego na Informática (PlaGa).

Xunto coa campaña do Windows 98, engadimos campañas contra os topónimos deturpados; apoiamos ao software na nosa lingua, como o navegador Xis de Galego21; posicionamonos contra os recortes que Europa impoñía ao noso sector lácteo; reclamamos o dominio galego de máximo nivel (.ga).

Iniciamos os pasos para constituírmonos en asociación; redactamos e presentamos uns estatutos, mais a última hora, desistimos. A Xunta Directiva estaba formada por: Presidente, camilor; Secretario, minhoca; vogais, casdeiro e Anxo Sánchez.

O requisito de subscripción previa para poder participar nas campañas dificulta a renovación da xente. Xurden outros proxectos interesantes que requiren a atención da parte mais activa dos ciberirmandiños: Galego21 require de Camilo Regueiro, e Fillos.org de Manuel Casal Lodeiro.

O abandono, necesario, da parte mais activa da CiberIrmandade, e a non renovación, levan a unha total inactividade.

2001.- Terceira etapa

 Tras unha longa hibernación, en maio do 2000, montamos unha nova rolda de distribución dende a que nos reorganizamos. A primeiros do 2001 xurdimos novamente cun novo web e unha novas filosofías.

Decidimos automatizar o envío de correos aos obxectivos para que, cun par de “clics”, calqueira puidera participar; xa que logo, eliminamos o requisito de rexistro previo, ofrecimos mensaxes modelo, eliminamos a esixencia de datas concretas para os envíos.

Inventamos as “campañas especiais”, campañas mais longas no tempo e que pretendían destacar sobre outras. Fomos a polas deputacións provinciais que non ofrecían versión galega (todas agás Ourense), e conseguimos a normalización das de Coruña e Pontevedra. Tamén montamos campañas especiais en apoio a reivindicacións de A Mesa: pola distribución en galego do filme “O bosque animado”, pola tradución de “Harry Potter”, ou pola tradución do portal da Administración do Estado.

O uso da telefonía móbil é algo común; xa que logo, ofrecemos a información que temos sobre o uso da nosa lingua nos terminais. Facemos un programa, o “buscador de empresas”, para que calqueira poida consultar e engadir dados de empresas respetuosas co galego na publicidade, trato, documentación..

Decidimos mudar o nome, pasando de “Ciberirmandades da Fala” (en plural), a “CiberIrmandade da Fala” (en singular). Contratamos dominio propio (http://www.ciberirmandade.org), e hospedaxe, que é pagado mediante subscripción popular. Os recursos sobrantes, tanto de contas de correo como de espacio no servidor, o cedemos a quen nolo pide (por suposto que para montar webs na nosa lingua).

Xurden as primeiras discusións internas sobre a normativa a seguir e chegamos ao acordo de que para nos, a única norma será que cada quen fai as cousas na súa normativa; quen traballa, o fai na súa.

Independentemente de que enviar mensaxes de protesta sexa mais ou menos automatizado, a participación non so non vai a mais senón que co paso do tempo diminúe. O mantemento do web segue a ser manual, e as tarefas demasiado concentradas nas mesmas persoas; así, o web non se actualiza, as visitas diminúen, e a actividade decae, ate chegar novamente á parálise total.

 Mediados 2005.- Cuarta etapa

Era fundamental incrementar o dinamismo, algo que fidelizase ás visitas, pois so así garantiríamos o relevo nos traballos e o incremento da participación nas campañas. Xa que logo, pomos en funcionamento un sistema de foros, deixando de lado a rolda de distribución.

Os foros traen, entre outras cousas, unha nova reorganización, que comezará por un novo web, cun novo estilo, pero tamén estática.

Finais 2005.- Quinta etapa

No mesmo ano 2005, e aos poucos meses de estrear web, sentimos a necesidade de darlle un xiro á CiberIrmandade. O fin último segue a ser o mesmo de sempre: organizar campañas pola presencia da nosa lingua na rede; máis para que esas campañas sexan efectivas, precisamos incrementar a participación, o que conleva aumentar o coñecemento da nosa existencia e fidelizar as visitas.

Precisamos dar a coñecer o que facemos e ofrecer diversidade, dinamismo para que o visitante volte.

Xunto cos foros, con temáticas variadas, montamos un novo web, dinámico, con novas actualizadas frecuentemente. Usaremos para elo o xestor de contidos “Joomla!”, dende o que o visitante pode ler novas, descargar arquivos, participar nas campañas.

Montamos unha galería de imaxes. Pomos en marcha un sistema de tradución de software on-line aberto a quen queira colaborar.

Durante este tempo, a actividade incrementase significativamente, son varios os obxectivos importantes conseguidos, os medios de comunicación e os portais na rede falan de nos.

O futuro

O xa feito non abonda. A nosa lingua precisa mais traballo, e estamos decididos a seguir.

A CiberIrmandade da Fala é unha organización aberta a quen queira participar, onde as decisións son tomadas por consenso, onde a posición, os permisos de cada quen, conséguense co traballo.

Precisamos xente disposta a colaborar, de balde, pola nosa lingua. Hai traballo para todos e todas.

Queremos mais. Queremos que dentro de 10 anos, a CiberIrmandade xa non exista por non ser necesaria.

Algúns nomes

Queremos agradecer a colaboración de toda a xente que ao longo de dez anos participou nalgunha medida connosco. Queremos agradecer a participación nas campañas a milleiros de usuarios anónimos. Queremos agradecer todas as críticas recibidas que fixeron evolucionar a CIF.

Galiza, Arxentina, Catalunya, Irlanda, España, Euskalherría, Malasia, Suiza, USA, .. Por todas partes temos ou tivemos amigos. E de entre todos e todas, queremos mencionar a algúns que aportaron un pouco mais, pedindo disculpas polas posibeis omisións que poidan existir tras dez anos de actividade.

- Anxo Sanchez: España. Un dos fundadores, quen conseguiu hospedaxe no servidor Valbuena (UCM), nos anos iniciais; pai da primeira rolda de distribución (de cando esto non era doado).

- Camilor (Camilo Regueiro): Galiza. En 1996 crea a CIF. Del son o primeiro e segundo web, os primeiros programas da CIF. Inda que uns anos despois nos deixou, o fixo por outros proxectos importantes e necesarios, como foron Galego21 e moitos mais.

- Casdeiro (Manuel Casal Lodeiro): Euskalherría. Un dos fundadores, creador do logo do segundo web e do primeiro script con consellos léxicos. Pai de Fillos.org, redegalega, e moitisimos outros proxectos de primeirisimo valor.

- Christian: Galiza. Durante un tempo da terceira etapa da CIF, promove o apartado adicado a recompilar dados das opcións idiomáticas dos terminais móbiles.

- Ferreira (Marcos Ferreira): Chile (actualmente). A mediados da terceira etapa, e durante toda a cuarta, outro dos principais motores da CIF. Obsesionado coa coordinación con outros colectivos. Temporalmente ausente por motivos laborais.

- Fumeiro (Santi Llecha): Galiza. Entre os anos 2001 a 2005, foi un dos motores fundamentais da CIF. Entre outras cousas, levaba o tema financiero, a xestión da hospedaxe, contas de correo... Visionario no uso dos Foros.

- Gatonegro: Traballou na creación, programación e deseño gráfico do quinto web da CIF dun xeito tan consistente que o actual aspecto visual dos diversos apartados do sitio web da CIF aínda está baseado prácticamente ao cen por cen nas súas propostas. El foi quen nos incitou a usar un xestor de contidos.

- Kiko das Leiras: Irlanda. Inda leva pouco por eiquí, dende comezos do 2006, mais xa é fundamental para a CIF. Decidido impulsor das relacións con outros colectivos, incansabel comunicador das nosas campañas e fonte inesgotable de ideas e iniciativas.

- Medulio (José Antonio Cidre Bardelás): Catalunya. Dende o ano 2001 até a actualidade, aí estivo, en primeira liña, programando, automatizando, publicando, organizando, ... Entre outras cousas, levou case todo o peso da programación do Buscador de Empresas, os programas de obxectivos, o web actual, a galería de imaxes, o TraduCIF. Levou e leva a parte máis técnica da CIF, a xestión da hospedaxe,..

- Minhoca (Alexandre Prieto): Galiza. O único que dende os comezos, non fallou case nunca e axudou coa súa teima que a CiberIrmandade chegase a celebrar o seu décimo aniversario. Nos momentos de menor actividade e perigo de desaparición foi sempre un dos que artellou novos xeitos de revitalización e o que foi creando etapa tras etapa novas formas de vida ciberirmandiña que foron ligando entre elas ata facer da CIF a organización galega máis antiga na Rede. Estivo en todas, creando e participando, na programación e mantemento do Buscador de Empresas, no deseño do web, nos contidos da galería, coordenando e organizando o traballo, facendo de relacións públicas, poñendo en marcha os foros... 

{moscomment}

 

 
< Ant.



Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5
  

© 2008 CiberIrmandade da Fala
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.

Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com