Domingo, 07 de Setembro do 2008
 
  Inicio  
Obxetivo: Amnistía Internacional, parabéns e suxestión. (16.06.2008)

 Amnistía Internacional vén de celebrar os 30 anos da súa legalización no Estado Espanhol, e 20 de presenza continuada na Galiza. A Ciberirmandade quere sumarse cos parabéns evidentes polo aniversario e máis polo traballo feito e cunha suxestión que ten que ver coa pouca sensibilidade de  A.I. a respecto das distintas linguas do Estado, que se plasma na falta de opción de galego, catalán e euskera na web da “sección Española” de  A.I., así como nas campañas de envío de correos electrónicos que remiten ás/aos soci@s e colaboradores.

Cremos que unha organización como A.I. non debería de ter maior problema, nin polos valores e principios que defende, nin polos recursos que se lle supoñen, en satisfacer os dereitos lingüísticos das distintas comunidades do Estado. Por todo isto animámosche a enviarlles este prego de felicitación e suxestión.

Menú Principal
Inicio
A CiberIrmandade
Obxectivos
Novas CiberIrmandade
Novas de usuarios/as
Os foros
Tradución de software
Portal de formazón
Galería de imaxes
Documentos, artigos
Descargas
Contactar connosco
Recibir novas
Ligazóns

Estatutos da Asociación Cultural Galega "CiberIrmandade da Fala” Imprimir Correo-e
Escrito por minhoca   
Sábado, 30 de Setembro do 2006

Estatutos da Asociación Cultural Galega "CiberIrmandade da Fala"

Número de inscrición no Rexistro Central de Asociacións: 2007/010254-1 (SC)

CAPITULO I

 Da denominación, finalidades, duración, actividades, domicilio, ámbito e relacións

Artigo 1. Nome.

Na Galiza, coa denominación "Asociación Cultural Galega CiberIrmandade da Fala", constitúese unha asociación ao abeiro do Réxime Xurídico que establece a Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias, con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, carecendo de ánimo de lucro, que se rexerá polos presentes Estatutos e disposicións legais aplicables.

Artigo 2. Finalidades e duración.

Esta asociación constitúese por tempo indefinido e a súa existencia ten como finalidades: a promoción da lingua galega en calquera eido da vida, e especialmente naquelas actividades que teñan relación coas novas tecnoloxias e coas redes de comunicacións informáticas utilizando como canle xeral de actuación e relacións as devanditas redes de comunicación na Internet.

Artigo 3. Actividades.

Para o cumprimento destas finalidades realizaranse as seguintes actividades:

1. Fomento do uso da lingua galega de xeito normalizado en todos os ámbitos da vida cotiá, e especialmente no que se refire ás actividades relacionadas coa informática e as redes de comunicacións.

2. Coordinación e fomento da colaboración entre entidades e asociacións que traballen a prol do desenvolvemento da cultura galega en todos os eidos.

3. Recuperación e posta en valor da cultura tradicional da Galiza tanto no que respecta ao ámbito material como ao inmaterial.

4. Coordenación e fomento da colaboración entre entidades e asociacións que traballen a prol do desenvolvemento da cultura galega.

5. En xeral calquera tipo de actividade legal que favoreza a consolidación da identidade propia da Galiza.

Artigo 4. Domicilio e ámbito de actuación.

1. A Asociación establece o seu domicilio social en (ENDEREZO DO PRESIDENTE), e fixa o seu ámbito territorial en que vai levar a cabo principalmente as súas actividades no territorio da Galiza, así como no das redes de comunicacións informáticas.

2. Mentres non se decida o cambio deste, aos efectos de comunicación entre socios e socias e con outras entidades que dispoñan de correo electrónico, o enderezo será infoxeral[@]ciberirmandade.org.

Artigo 5. Relacións.

1. A Asociación poderá desenvolver as súas actividades en conexión con outras asociacións ou agrupacións de finalidades similares tanto de ámbito galego, como estatal ou internacional.

2. Asimesmo, a Asociación terá tamén facultade para federarse con outras asociacións, de acordo coa normativa que unha e outras teñan establecida verbo do tema.

CAPITULO II

Dos órganos de representación

Artigo 6. A Xunta Directiva.

1. A Asociación será xestionada e representada por unha Xunta Directiva formada polos cargos e número de membros impar que así se decida en Asemblea Xeral.

2. En calquera caso, a Xunta Directiva contará como mínimo cos seguintes cargos:

a. Un Presidente ou Presidenta.

b. Un Secretario ou Secretaria.

3. Todos os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán non remunerados. Estes serán designados e revocados pola Asemblea Xeral e o seu mandato terá unha duración de 2 anos, por seren todos eles ou elas cargos reelixibles.

Artigo 7. Baixa dos membros da Xunta Directiva.

Os membros da Xunta Directiva poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por censura por parte da Asemblea Xeral e por expiración do mandato.

Ao esgotaren os membros da Xunta Directiva o prazo para o cal foron elixidos, continuarán exercendo os seus cargos até o intre en que se produza a aceptación dos que os substitúan.

Artigo 8. Reunión e acordos da Xunta Directiva.

1. A Xunta Directiva terá carácter permanente polo que non será precisa convocatoria previa.

2. A Xunta Directiva tomará os acordos por maioría absoluta en votación pública dos seus membros no prazo de dous días dende o inicio dunha votación, e por maioría simple dos votos validamente emitidos cando transcorrese unha semana dende o citado inicio, empregando para iso as canles que se establezan.

Artigo 9. Facultades da Xunta Directiva.

As facultades da Xunta Directiva extenderanse, con carácter xeral a todos os actos propios das finalidades da asociación, sempre que non precisen, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral.

Son facultades específicas da Xunta Directiva, delegables pero non renunciables:

1. Preparar e dirixir as actividades, así como impulsar e coordenar a programación das mesmas, tanto no ámbito interno como na relación con outras asociacións, e levar a xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizar os actos que sexan precisos.

2. Executar os acordos da Asemblea Xeral.

3. Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral os balances e as contas anuais.

4. Velar polo cumprimento das finalidades da Asociación.

5. Resolver a admisión de novos asociados.

6. Nomear e cesar delegados ou delegadas para algunha determinada actividade da Asociación. Así como establecer as comisións de traballo e nomear e cesar os seus membros.

7. Convocar e presidir as xuntanzas da Asemblea Xeral.

8. Poñer en coñecemento da Asemblea Xeral as sancións impostas aos asociados ou asociadas.

9. Atender as suxestións, queixas e reclamacións dos socios ou socias, e darlles traslado á Asemblea Xeral na vindeira xuntanza.

10. Establecer os requisitos de acceso aos fondos económicos da Asociación.

11. Aprobar as delegacións de funcións propias do presidente ou presidenta, e secretario ou secretaria, a proposta destes ou destas.

12. Calquera outra facultade que non sexa de exclusiva competencia da Asemblea Xeral de socios e socias.

Artigo 10. O Presidente ou Presidenta.

O Presidente ou Presidenta terá as seguintes atribucións, delegables pero non renunciables:

1. Representar legalmente á Asociación diante de toda clase de organismos públicos ou privados.

2. Convocar, presidir e levantar as sesións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, así como dirixir ou moderar as deliberacións dunha e doutra.

3. Ordenar pagos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas e correspondencia, así como visar as actas e certificacións dos acordos dos órganos da Asociación.

4. Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou convinte, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.

5. Calquera outra tarefa que a Asemblea Xeral lle encomende.

Artigo 11. O Secretario ou Secretaria.

O Secretario ou Secretaria terá ao seu cargo a dirección dos traballos puramente administrativos da Asociación, delegables pero non renunciables:

1. Custodiar toda a documentación da Asociación.

2. Expedir certificacións relativas á Asociación, co visto e prace do Presidente ou Presidenta.

3. Estender acta das xuntanzas da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.

4. Levar os libros da asociación legalmente establecidos e o arquivo de asociados e asociadas.

5. Facer que se cursen as comunicacións sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles nos Rexistros correspondentes.

6. Presentar as contas anuais e cumprir coas obrigas documentais nos termos que legalmente correspondan.

7. Substituír ao Presidente ou Presidenta na súa ausencia.

8. Calquera outra tarefa que a Xunta Directiva lle encomende.

Artigo 12. Vacantes na Xunta Directiva.

As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas provisionalmente entre os citados membros ou por parte de persoas designadas polos mesmos até a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

CAPITULO III

Da Asemblea Xeral.

Artigo 13. A Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno e decisión da Asociación e estará integrada por todos os asociados e asociadas reunidos e reunidas conforme aos presentes Estatutos.

Artigo 14. Xuntanzas da Asemblea Xeral.

1. As xuntanzas da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias.

2. A xuntanza ordinaria celebrarase unha vez ao ano.

3. As xuntanzas extraordinarias celebraranse:

a. Cando as circunstancias o aconsellen, a xuízo do Presidente ou Presidenta.

b. Cando a Xunta Directiva o acorde por maioría absoluta dos seus membros.

c. Cando o propoña por escrito o 20% dos asociados e asociadas.

Artigo 15. Convocatorias.

As convocatorias das Asembleas Xerais faranse por escrito por parte do Presidente ou Presidenta cunha antelación mínima de quince días naturais expresando a data e hora de inicio da mesma así como a Orde do Día cos pormenores dos asuntos a tratar e dándolle publicidade polas canles ordinarias de comunicación da Asociación.

Artigo 16. Constitución, duración, validez dos acordos e dereito a voto.

1. As Asembleas Xerais, tanto ordinarias coma extraordinarias, quedarán validamente constituídas no intre en que así o sinale a convocatoria, e non será preciso quórum mínimo para a súa constitución.

2. A duración normal da Asemblea Xeral será dun mínimo dunha semana e un máximo de dúas, agás que por circunstancias excepcionais e debidamente xustificadas cumpra unha duración distinta.

3. O proceso de exposicións, discusións e votacións será a través do sistema de foros do web da Asociación. Para a utilización na asemblea de calquera outro medio de comunicación, coma correo electrónico, IRC, videoconferencia, etc., esta circunstancia deberá especificarse na convocatoria, e darase un prazo de 7 días aos socios e socias para faceren as alegacións que consideren. De un 10% ou máis dos socios e socias amosaren o seu desacordo co medio de comunicación alternativo escolleito, a asemblea deberá utilizar os foros ou propoñer outro medio.

4. Terán dereito a voto todos os socios e socias non sancionados ou sancionadas, con mais de tres meses de antigüidade e que estean ao día no pagamento das cotas establecidas.

Artigo 17. Facultades da Asemblea Xeral.

Son facultades específicas da Asemblea Xeral tanto Ordinaria coma Extraordinaria non renunciables nin delegables:

1. Revisar e examinar o funcionamento xeral da Asociación.

2. Discutir e aprobar, se cómpre, os informes e propostas presentadas pola Xunta Directiva.

3. Discutir e aprobar, se cómpre, a xestión da Xunta Directiva.

4. Discutir e aprobar, se cómpre, o plano xeral de actividades da Asociación.

5. Decidir o número de membros e tipos de cargos da Xunta Directiva, así como as súas competencias.

6. Proceder á elección e nomeamento dos membros da Xunta Directiva, do xeito establecido nos presentes Estatutos

7. Discutir e aprobar, se cómpre, as Contas anuais.

8. Decidir sobre cuestións de ambigüidades que se susciten verbo da interpretación dos Estatutos.

9. Decidir sobre a posibilidade de federarse con outras asociacións.

10. Establecer as cotas ordinarias ou extraordinarias de socios e socias e o seu método e periodo de pagamento, así como as posibles exencións no pago das mesmas por motivos xustificados á proposta da Xunta Directiva.

11. Modificar os Estatutos, por maioría de 2/3 dos votos válidos.

12. Disolver a Asociación, en asembleia extraordinaria convocada para tal fin.

13. Expulsar a socios ou socias, a proposta da Xunta Directiva.

CAPITULO IV

Dos socios e socias.

Artigo 19. Membros.

1. Poderán pertencer á Asociación todas aquelas persoas con capacidade de obrar que teñan interese no desenvolvemento das finalidades da Asociación e, que aceptando os presentes Estatutos, soliciten formar parte da mesma.

2. A excepción daquelas accións que a Asemblea Xeral ou Xunta Directiva acorden como exclusivas para socios e socias, calquera persoa que comparta as inquedanzas que promoveron a creación desta Asociación poderá participar nas actividades da mesma, sen que isto supoña ter relación con esta.

Artigo 20. Sancións e perda da condición de socio ou socia.

1. A Xunta Directiva poderá sancionar ao socio ou socia que infrinxa os Estatutos ou as normas de desenvolvemento aprobadas pola Asemblea Xeral.

2. As sancións poderán ser acordadas pola Xunta Directiva sen previa formación de expediente e co único requisito de informar ao interesado ou interesada. A Xunta Directiva poñerá en coñecemento da Asemblea Xeral na vindeira convocatoria as sancións e incidencias para que esta poida ratificar ou non a sanción.

3. Os socios ou socias causarán baixa temporal ou definitiva por algunha das seguintes causas:

a. Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva.

b. Por incumprimento das súas obrigas económicas se deixase de satisfacer a cantidade de cotas periódicas que a tal efecto estableza a Asemblea Xeral.

c. Por sanción acordada pola Xunta Directiva, mais a baixa neste caso sería temporal, e pasaría a ser definitiva se así o acordase a Asemblea Xeral.

Artigo 21. Dereitos.

Os socios e socias de calquera clase que sexan terán os seguintes dereitos:

1. Participar en todas as actividades que organice a Asociación en cumprimento das súas finalidades.

2. Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación puidese obter.

3. Ser informados e informadas de xeito suficiente das actividades previstas pola Asociación.

4. Ser informados e informadas do estado das contas, ingresos e gastos, denantes de ser sometidos a aprobación por parte da Asemblea Xeral.

5. Coñecer e dispoñer dos Estatutos e acordos adoptados polos órganos da Asociación.

6. Participar nas Asembleas Xerais do xeito indicado nestes Estatutos, con dereito a voz e voto, que será persoal e intransferible.

7. Inserir calquera punto na Orde do Día da Asemblea Xeral, unha vez convocada polo Presidente ou Presidenta, e antes dos dous últimos días previos á celebración da mesma.

8. Transmitir suxestións, queixas e reclamacións á Xunta Directiva co obxecto de mellorar o cumprimento das finalidades da Asociación.

9. Prescindir da súa condición de socio ou socia, a traverso da manifestación da súa vontade de facelo.

10. Elixir e ser eleito ou eleita como membro da Xunta Directiva.

11. Ser escoitado ou escoitada pola Asemblea Xeral cando a Xunta Directiva acorde a sanción dun socio ou socia.

Artigo 22. Obrigas.

Os socios e socias de calquera clase que sexan terán as seguintes obrigas:

1. A aceptación e cumprimento dos presentes Estatutos, das súas normas de desenvolvemento e dos acordos válidos tomados polas Asembleas Xerais e a Xunta Directiva.

2. O pagamento das cotas establecidas no tempo e xeito que ao efecto se acorden.

3. A actuación consecuente coa súa condición de socio ou socia naqueles eidos da vida particular que poidan ser obxecto desta Asociación.

4. Comunicar á Xunta Directiva os trocos de enderezo das canles ordinarias de comunicación coa Asociación.

5. Desenvolver, no seu caso, as obrigas inherentes ao cargo que ocupen.

CAPITULO V

Do réxime económico.

Artigo 23. Recursos económicos.

Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das finalidades e actividades da Asociación serán os seguintes:

1. As cotas dos socios e socias.

2. As aportacións que se obteñan por parte da Administración

3. As subvencións, legados, doazóns ou herdanzas que puidese recibir de forma legal por parte dos asociados e asociadas ou de terceiras persoas que desexen colaborar.

4. Calquera outro recurso lícito.

Artigo 24. Patrimonio fundacional.

O patrimonio inicial ou Fondo Social da Asociación é de 1 €.

Artigo 25. Límites orzamentarios.

O límite orzamentario anual non poderá exceder a cantidade dos fondos existentes.

Artigo 26.

O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano.

CAPITULO VI

Da disolución.

Artigo 27. Disolución voluntaria.

A Asociación disolverase voluntariamente cando así o acorde a Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada a tal fin, e por acordo dunha maioría de 2/3 dos asociados e asociadas.

Artigo 28. Liquidación

A Asemblea Xeral que acorde a disolución da Asociación nomeará un número non inferior a tres liquidadores ou liquidadoras e procederán a satisfacer todas as responsabilidades económicas pendentes, deixando o remanente, se o houber, en depósito para unha Agrupación/Asociación con fins semellantes que non desvirtúen a súa natureza non lucrativa e que use como idioma principal en todas as súas actividades o galego.

DISPOSICION ADICIONAL

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.

En Galiza a 2 de outubro de 2006

 
< Ant.   Seg. >



Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5
  

© 2008 CiberIrmandade da Fala
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.

Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com