NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICAArtigo publicado en A Nosa Terra, nº 1.112, do 15 ó 21 de xaneiro do 2004.
Dúas novas bases de datos permiten a consulta en liña 0 Ramón Piñeiro e o ILG colgan na rede trinta millóns de palabras H.V. O galego conta cunha nova ferramenta informática que permite a consulta na rede de máis de trinta millóns de palabras procedentes de dúas bases de datos, a do Centro Ramón Piñeiro e a do Instituto da Lingua. As bases de datos destes dous centros consisten no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, TILG, e no Corpus de Referencia do Galego Actual, senllas ferramentas para lingüistas e curiosos. O TILG permite consultar once millóns de rexistros de palabra e noventa mil lemas do galego moderno desde 1612, sistematizado por autores e obras. Ademais, manexa cincocentos autores e 1.500 textos. No caso do Corpus de Referencia do Galego Actual inclúense dezasete millóns de palabras recollidas en libros, xornais e revistas. En total, uns trinta millóns de voces que basicamente tamén están incluídas no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega. Mais se xa hai na rede algúns instrumentos de utilidade para lingüistas, a principal contribución de ferramentas informáticas relacionadas co idioma non procede da Administración nin de institucións máis ou menos públicas. Esta actividade está máis desenvolvida por entidades privadas sen animo de lucro como Galego21, que ten deitado na rede programas de todo tipo para que o empregue o público xeral. O feito de que organizacións como Galego21 actúen grazas ao voluntarismo dos seus colaboradores provoca que o avance do galego na informática non sexa sistemático, xa que ningunha entidade como o Ramón Piñeiro, o ILG ou a Consellería de Educación elaborou un plan para dotar paulatinamente de instrumentos informáticos ao noso idioma. De feito, a ausencia de ferramentas relacionadas coa lingua non se limita ao campo informático. Por exemplo, a día de hoxe o galego carece de diccionarios impresos que inclúan a versión galega de refráns en castelán, aínda que si existe a versión contraria. Tampouco hai vocabularios técnicos de diversas materias. Só botar unha ollada a un andel da sección de referencia dunha librería anglosaxona dá idea das carencias que neste campo ten a nosa lingua. http://www.ti.usc.es/TILG http://corpus.cirp.es/corga/
Nota: logo da publicación desta nova recibíuse unha aclaración do Centro Ramón Piñeiro cunha ligazón onde poderedes atopar os Cadernos de Fraseoloxía Galega. Unha documentación moi valiosa, paga a pena vela.
|