Ao pouco de comezar a campaña pola galeguización completa e polo uso de topónimos deturpados no web de RENFE, así como pola inexistencia do noso idioma no web de
ADIF e a megafonía nas estacións,
RENFE corrixiu de inmediato os topónimos deturpados.
Fai uns dias, foi ADIF quen deu sinais de vida, respostando con correos nos que informaba de que están nun proceso de renovación do web que, entre outras cousas, incorporará a nosa lingua. Tamén comunican que esperan extender o uso do galego na megafonía das estacións, pero sen comprometer data. A situación actual que motivou a campaña non é para botar foguetes, mais é un paso importante, polo que suspendemos a campaña, manténdonos á espreita.
Lembra que só a participación e a esixencia dos propios dereitos lingüísticos acadarán a atención das diferentes empresas e entidades que habitualmente non consideran importante a presencia do galego nas súas actividades, polo que é imprescindible a túa participación activa tanto na promoción e uso do galego como na demanda dos teus dereitos lingüísticos. En ocasións como a que nos ocupa, podes ver que ao remate os resultados van chegando.