Domingo, 12 de Outubro do 2008
 
  Inicio arrow Documentos, artigos arrow A lingua da Galiza arrow Manifesto 17 de Maio de 2003  
Obxetivo. Dolce Vita (19.09.2008)

Dolce Vita é a marca dun Grupo de Centros Comerciais portugueses con presenza en toda Península Ibérica e pretende instalarse en breve na Coruña. Din que na súa filosofía está saber “ser locais” e “entender a cultura e necesidades da sociedade coa que conviven” mais esta filosofía parece excluír o idioma galego como vehículo de comunicación e comercio así como obviar a toponimia correcta do lugar onde se van asentar, neste caso A Coruña.

Pensamos que sería bo facerlles saber que como potenciais clientes nos gustaría desenvolvernos integramente na nosa lingua o que inclúe ver respectada a nosa toponimia. Que esta normalidade pasa por ser atendidos, poder consultar e comprar en galego, ao vivo, a través de catálogo ou no ciberespazo.

Fai que lles conste a túa suxestión enviando este prego.

Menú Principal
Inicio
A CiberIrmandade
Obxectivos
Novas CiberIrmandade
Novas de usuarios/as
Os foros
Tradución de software
Portal de formazón
Galería de imaxes
Documentos, artigos
Descargas
Contactar connosco
Recibir novas
Ligazóns

Manifesto 17 de Maio de 2003 Imprimir Correo-e
Escrito por Medulio   
Domingo, 27 de Novembro do 2005

Manifesto 17 de Maio de 2003

DESPOIS DE TRECE ANOS PERDIDOS, OUTRA POLÍTICA LINGÜÍSTICA É POSÍBEL.
POR UN ACORDO AMPLO E SEN EXCLUSIÓNS SOBRE A LÍNGUA GALEGA

Durante os últimos trece anos de governo do Partido Popular, a política lingüística da Xunta de Galiza caracterizou-se pola pasividade. Gastou-se moito diñeiro supostamente no galego, mais a maioria dese diñeiro non tivo outra finalidade que a homenaxe lingüística, o gasto para comemorar sen obxectivos de recuperación. Esa “política lingüística” consistiu en distribuir diñeiros sen outra pretensión que a de afortalar o favoritismo e a dependéncia dos cidadáns e cidadás das prebendas do poder, moitas veces sen ter en conta nen tan sequer que os actos ou publicacións subvencionados utilizasen o galego, en distracción fraudulenta de diñeiro público que non se corresponde coa finalidade prevista.

Nestes trece anos, houbo retrocesos importantes da presenza pública da nosa língua en moitos campos e acelerou-se a ruptura da transmisión entre xeracións. A isto axudou o feito de que a lexislación aprobada coa instauración da democrácia nen se fixo cumprir nen se desenvolveu. Ao descrito chama-lle Fraga Iribarne “Pax Lingüística”.

No Partido Popular son conscientes do progresivo retroceso da língua galega, coñecen as estatísticas existentes, mais negan a evidéncia dos dados empíricos e afirman que o galego vai ben. Negan o evidente porque as estatísticas afirman sen ambigüidades a perda de falantes e deixan translucir que só cunha política decidida e coa colaboración necesária de todas e todos se pode corrixir a decadéncia presente.

A política lingüística do Partido Popular é, para o idioma galego, un fracaso pensado e buscado. Despois de trece anos non poden mostrar resultados favorábeis porque non os teñen. A política lingüística do Governo galego nestes anos é equiparábel na sua incompeténcia á praticada noutros ámbitos. O desacerto e a ineptitude que estamos a ver nos últimos meses noutras funcións da Xunta, mantén-se desde hai lustros no tratamento da língua galega.

Mais outra política lingüística é posíbel. Nós afirmamos que existe outro xeito de ver e tratar o principal sinal de identidade da Galiza. Nós afirmamos que o traballo pode e debe facer-se doutro xeito. Para iso, fai falta aplicar a responsabilidade e o compromiso.

Os grupos que asinamos este manifesto queremos expresar a nosa vontade de elaborar unha nova política lingüística, tranquila, consensuada, decidida, vigorosa e transparente. Unha nova política lingüística fundamentada na realidade social da Galiza, partindo para iso dunha diagnose correcta, que teña en conta os dados sociolingüísticos existentes. Unha política que procure verdadeiramente a recuperación do galego e a sua plena normalización.

Para lograr iso, é necesário que se faga cumprir a lexislación existente sobre língua. Debemos erradicar dunha vez a toponímia deturpada e conseguir que o ensino deixe de ser unha institución desgaleguizadora. Desde a RTVG ten-se que promocionar o galego, informar sobre a dimensión de posuirmos un idioma próprio, fomentar a criazón cultural na nosa língua e os intercámbios cos países de língua portuguesa. A Dirección Xeral de Política Lingüística debe manter liñas de axuda abertas ao longo de todo o ano para mudanza de letreiros e galeguización da papelaxe interna; as suas partidas orzamentárias deben centrar-se na incorporación do idioma e non na sua comemoración. E debe-se elaborar un Plano Xeral de Normalización Lingüística sério, feito para avanzar, que conte coa participación dos axentes sociais e no cal todas e todos nos podamos sentir representados.

Todas estas son ideas para unha nova política lingüística. Unha política que permita trocar en prática todo o amor que os galegos e as galegas sentimos polo noso idioma.

A Mesa pola Normalización Lingüística, Bloque Nacionalista Galego,
Confederación Intersindical Galega, S. N. de Comisións Obreiras de Galicia


Prezadas amigas,
Prezados amigos,

Ás 12 do meio-dia do próximo sábado 17 de Maio sairá da alameda compostelá unha manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Bloque Nacionalista Galego, a Confederación Intersindical Galega e o S. N. de Comisións Obreiras de Galicia, sob o lema “Despois de 13 anos perdidos, outra política lingüística é posíbel”.

Xunto con este correo electrónico, enviamos-vos o manifesto elaborado para esta ocasión, que será lido o próprio dia 17 pola avogada compostelá Isabel Castillo, recentemente expedientada por defender o seu direito a utilizar o galego na administración de xustiza.

A través desta carta queremos convidar-vos a que vos adirades ao manifesto deste 17 de Maio e á convocatória de manifestación, para o cal podedes pór-vos en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística (os dados están na cabeceira). No caso de o considerardes oportuno, tamén seria interesante que esa adesión e chamamento á mobilización o realizásedes publicamente através de comunicado á imprensa, para entre todas e todos lograrmos mobilizar o maior número de persoas posíbel en prol do noso idioma.

Sen outro particular, recebede un cordial saúdo,

Asdo.: Carlos Manuel Callón Torres
Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

 
< Ant.   Seg. >



Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5
  

© 2008 CiberIrmandade da Fala
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.

Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com