|
A nova operadora de telefonía móbil Yoigo ignora o galego, mentres ofrece distintos servizos en castelán, inglés, catalán ou euskara. Faille chegar a túa opinión. A telefonía móbil é xa un servizo totalmente integrado na vida cotiá da cidadanía galega. Aos poucos o oligopolio destes primeiros anos vaise abrindo, coa aparición de empresas que compiten polo seu nicho, buscando ofrecer productos e servizos cada vez máis acaídos ás demandas dos usuarios. Neste intento de achegamento aos requirimentos da cidadanía, o uso das linguas propias de cada territorio semella unha necesidade evidente. Mais algunhas compañías de telefonía móbil non son conscientes desta demanda, nin teñen a mesma sensibilidade con todos os cidadáns e cidadás do estado español.
Así a nova firma Yoigo ignora a existencia do galego, non tendo a opción da nosa lingua para a facturación, nin para o servizo de atención ao cliente, nin para os contratos... En troques na súa web si ofrecen algúns dos seus contidos en linguas distintas dos castelán: euskara, catalán e inglés. Do mesmo xeito, no seu teléfono de atención ao cliente afirman que dispoñen de operadores para esas catro linguas, excluíndo de novo o galego. Yoigo diferenza claramente deste xeito aos clientes de primeira dos outros, de nosoutros, a quen nos despreza. E aínda por riba, non teñen a máis mínima vergoña en facer na súa publicidade afirmacións como estas: "En Yoigo hablamos tan claro, que incluso los clientes nos entienden. Bienvenido a una nueva forma de ver la telefonía móvil que [...] no sólo quiere que hables, sino que también te escucha. Para eso, hablamos contigo con un lenguaje sencillo, porque no necesitamos siglas ni palabras extrañas para parecer originales y novedosos. Queremos que las cosas sean fáciles y que entiendas por fin las facturas de tú móvil. Los que trabajamos aquí pensamos que todos somos iguales. Honesta: nuestros contratos dicen las cosas sin rodeos, porque la transparencia es un derecho del cliente."
Faille chegar a Yoigo a túa voz! Envíalles un correo de prostesta. |