Malleira de campionato ao galego no cinema. Si, os galegos e galegas que queiramos ver esta película no noso idioma saímos perdendo. Tan só catro das fitas que se proxectarán en Galiza serán en galego. O resto, até 20, en castelán. Fica así o galego, unha vez máis, como algo marxinal, algo reservado para os "obxectores de consciencia", como di a Mesa pola Normalización Lingüística no seu comunicado de denuncia. Calquera que consulte a carteleira, por exemplo, na páxina da Compañía de Radio Televisión de Galicia non conseguirá saber que existe a posibilidade de ver este filme en galego. O mesmo acontece a través da web do Cluster Audiovisual Galego.
Unha vez realizada a dobraxe ao galego a Xunta de Galiza debería asegurar a maior distribución posíbel, maximizando así a repercusión dese investimento. Permitir que unha das pouquísimas películas que se poden ver en galego ao longo de todo o ano fique como algo residual é un desleixo inaceptábel. Desde a Ciberirmandade da Fala convidámosvos aos que acudades ao cinema a que solicitedes información sobre a posibilidade de ver "Pérez, o rato dos teus soños" en galego.
A Mesa lamenta que a versión en galego do filme de animación ‘Pérez, o rato dos teus soños’, que hoxe se estrea en Galiza, só poida verse nun total de catro salas en todo o país.
A versión en castelán do novo traballo de animación de Filmax poderá verse, por contra, en 20 salas e até en cinco horarios diferentes.
A Mesa denuncia que “para unha vez que se estrea un filme con opción de galego estea completamente secundarizada” e culpa directamente á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza de “non mover un dedo para garantir unha mínima presenza do galego no ámbito do cinema e do audiovisual”
Hoxe 23 de decembro estréase en toda Galiza ‘Pérez, o rato dos teus soños’, novo filme de animación da factoría Filmax para todos os públicos, especialmente para os máis novos, que leva causado xa importante expectación.
O anuncio de que en Galiza este filme podería verse tamén na nosa lingua foi moi ben recibido desde A Mesa. Porén, desgrazadamente, comprobamos como a oferta de visionado en castelán e en galego nas salas en que se vai proxectar durante as próximas semanas aparece completamente descompensada: mentres que en galego só vai poder visionarse nun total de catro salas en Lugo, Ferrol, Vigo e A Coruña, restrinxida ao horario de tarde, en castelán vai poder verse nun total de vinte salas, en todas as cidades, en en varias vilas e até en cinco horarios diferentes.
Para A Mesa esta situación “roza o esperpento” porque as persoas que queren vivir en galego son tratadas como “simples obxectoras de consciencia”. Cabe lembrar que ‘Pérez, o rato dos teus soños’ recibe apoio institucional desde varias administracións públicas, unha delas a Xunta de Galiza.
A Mesa cualifica de “lamentábel” que “para unha vez que se estrea un filme con opción de galego nas salas do noso país teña que ser en deplorábeis condicións de semiclandestinidade” e denuncia que calquera galega ou galego ten “moitas máis posibilidades a día de hoxe de ver un filme en VOS do que na súa propia lingua”.
A asociación considera, non obstante, que situacións como esta “teñen responsábeis con nomes e apelidos” e sinala directamente como culpábeis os suvesivos gobernos da Xunta de Galiza “que nada fixeron durante anos para promover a presenza do galego nun sector tan importante como o do cinema”. Especialmente grave para A Mesa é o “desleixo e pasividade” da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza, dependente directamente de Emilio Pérez Touriño, quen “segue inexplicabelmente a manter a mesma raquítica política dirixida ao cinema e á dobraxe de filmes que tiña o Partido Popular”.
Desde A Mesa exíxeselle á Xunta de Galiza “un cambio de rumo urxente” na súa política lingüística en materia cinematográfica e lémbraselle ao actual goberno que “entre cero e cen sempre é posíbel conseguir cincuenta”. “O problema é”, din desde A Mesa, “que no referente a presenza do galego no cinema e no audivisual apenas nos movemos do cero desde hai máis de 23 anos”.
A Mesa empraza directamente o Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de quen depende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, “cumprir co estabelecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega no referido á drobaxe de cinema ao galego”. Así mesmo, pídeselle “que negocie directamente co Ministerio de Industria unha partida económica semellante á que este destina anualmente á promoción do catalán” en ámbitos como o da dobraxe e o do audiovisual.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2006