Transcripción do Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo ao Pobo galega nos días 17 e 18 de novembro do 1918
MANIFESTO DA ASAMBLEIA NAZONALISTA DE LUGO
AO POBO GALEGO Os persoeiros das "Irmandades da Fala" reunidos en Asambleia magna tida na cidá de Lugo nos días 17 e 18 do mes da data pra conquerire do Goberno da Sua Maxestade El Rey a autonomía integral da Nazón Galega e fixar n-un programa as que coidan testas soluciós ós problemas que intresan d’un xeito fondonísimo á vida nazonal da Galicia aprobaron e sosteñen co corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da Nai Terra as siguentes conclusiós, que fan públicas pra conocimento e meditazón do pobo galego nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a sua y-alma e fan xurdir a súa persoalidade. I. Previa Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós nomeámonos de oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verbe "rexionalismo" non recolle tódal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas. II. Problemas costituentes 1º. Autonomía integral pr-a Galicia. 2º. Autonomía municipal distinguindo o municipio aldeán do vilego, axeitándose o Concello aldeán sóbor da base do reconocimento da persoalidade xurídica das parroquias, que terán as súas xuntas, elexidas antr-os cabezas de familia –petrucios- homes ou mulleres, pra termaren dos seus bés privativos. Os presidentes ou cabezaleiros d-estas xuntas serán vocás nados ou Concelleiros da Corporación municipal e nomearán, de antre eles o Alcalde que dirixa o Concello. As parroquias, con persoalidade xurídica, poderán contrataren y-estableceren seguros e instituciós de creto antr-os veciños e adeministrare os bés comús, que o Poder Central terá de lles restituire, dispoñendo o seu aproveitamento. O Concello terá de sere, pol-o tanto, mais que unha organización de caracter adeministrativo, unha prolongación ou compremento das parroquias, como estas o son do fogar, que presidirá a vida económica e social das mesmas. 3º. Cooficialidade dos idiomas galego e castelán. 4º .Federación da Iberia. 5º. Dentro d-esta federación igoaldade de relaciós con Portugal. 6º. Crendo n-a accidentalidade das formas de goberno, intrésanos acrarar que non apelamos por ningunha, mais simpatizaremos, dende logo, con aquela que se amostre mais doada pra chegare á federación con Portugal. 7º. Ingreso das nazonalidades da Iberia na Liga das Nazóns. III. Problemas políticos 1º. Igoaldade de direitos pr-a muller. 2º. Custión eleitoral: a) A función eleitoral terá de sere da responsabilidade do goberno e protexida pol-o Poder público. b) Representación proporcioal como sistema eleitoral. c) Non serán elexibles os elementos que non rendan unha finción útil pr-a colectividade. d) A Asambleia decrara: que si nas eleiciós pra Cortes Constituentes Hespañolas non se nos dera unha prenda en garantía exceicional pra que a vontade do pobo poida manifestarse con toda libertade -pois co-as organizaciós oligárquicas de oxe non sería abranguible- apelaríamos ós representantes de Cataluña e Euskadie, si elo non abondara, ó Estado mais afín ó noso, pra que na Liga das Nazóns defenda o direito da Galicia á libertade cibdadana. 3º. Acabamento das Diputaciós provinciás. 4º. Creación do Poder Autónomo, representado por un Xuntoiro ou Parlamento Galego, elexido por sufraxio universal, con todal-as facultás que a reforma da Constitución non garde pr-o Poder Central e sempre, pol-o menos as siguentes: IV. Facultades do Poder Galego 1º. Nomeamento da Xunta gobernadora, que terá de exerce-lo Poder executivo, composta d-un Presidente e seis Segredarios encargados dos Departamentos de Adeministración, Xusticia, Enseño, Obras Públicas, Agricultura, Industria, Comercio e Facenda. 2º. Toda-las funciós adeministrativas. 3º. Lexislación social, agás n-aqueles casos nos que os problemas sociaes se extendan ás diversas nazóns da Iberia. 4º. Reximen tributario, sin intervención do Poder Central, ó que somentes pagará o Autónomo a cantidade que se fixe n-os concertos económicos. 5º. A potestade docente do Estado actual pasará enteira ó Poder Galego. 6º. O reximen bancario, n-o que intervirá pol-a función social que oxe teñen os Bancos. A mesma facultade pr-a solución do Creto agrícola. 7º. Correios e Telégrafos: O seu servicio ó carrego do Poder Central; a súa creación será cárrego do Poder Autónomo; o servicio dos Teléfonos ó cárrego do Poder Galego. A censura n-estes servicios non poderá ser exercida pol-o Poder Central mais que no caso de guerra. 8º. Ferrocarrís: A sua nazonalización. A lexislación sobor dos mesmos será facultade do Poder Central; a sua costrucción e adeministración en carga do Poder Autónomo. 9º. Portos Francos. A lexislación e regulación do tráfico marítimo en carga do Poder Central 10º. Si ven co-a Paz o acabamento dos exercitos permanentes e no caso de que somente quedaran exércitos policías tamén será facultade do Poder Galego a fixación das forzas que xusgue percisas pr-o orden interno de Galicia. V. Cuestiós xurídicas 1º. Sustantividade do Direito foral galego. 2º. Derogación do artigo 5º do Código Civil e reforma do seu articulado no que se refire á sucesión abintestato. 3º. A publicación das leises farase no idioma galego. 4º. Igoaldade de direitos pr-a muller casada, pol-o menos no caso da emigración do marido. 5º. A función dos Tribunales de Xusticia romatará en recurso derradeiro en Galicia e sempre realizada por funcionarios galegos. 6º. As terras dos pequenos propietarios qu-a laboreen consideraranse instrumentos de traballo pr-os efeutos do embargo. 7º. O arrendatario terá direito a unha parte da supervalía do arrendado sempre que sexa debida ós melloramentos producidos pol-o seu traballo. VI. Problemas económicos 1º. As custiós aduaneiras serán resoltas por concerto entre o Poder Autónomo e o Central, salvo o libre cambio de cereaes. 2º. Reintegración inmediata á propiedade privada, pol-o xeito mais doado dos montes do Estado, dos pobos e de propios. 3º. Repoboación forestal forzosa. Si os particulares non a fan faría o Poder Galego por anualidades, gravando sobre a riqueza creada, o capital invertido mais os intereses. Reforma da lexislación civil n-iste punto. 4º. A Asambleia decrara de toda urxencia a resolución do problema dos gravámenes sobor da terra en Galicia. 5º. Tamén decrara sere un crime contra Galicia o permanente absentismo dos propietarios da terra. VII. Aspectos artísticos 1º. Proclamar a soberanía estética da Nazón Galega que se exercerá: a) Sobor as costruciós urbanas e ruraes, ditándose unha lei que obrigue ós propietarios a axeitare o estilo das súas costruciós ó estilo xeneral de cada vila galega. b) Na expropiación de moimentos e paisaxes. c) Na organización do enseño artístico, con creación d-unha escola musical galega.
Vede, irmáns galegos, o noso programa. Non é nin pode ser nosa verba difinitiva; mais é, por decontado, un berro d’anguria que vos chama e a úneca afirmación creadora feita na nosa patria galega. Son chegadol-os tempos d’erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sen cativeces. N-isto non caben discusiós: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d’amore con outras soberanías, contr’as que non vai nin quér ire a soberanía nosa. Pensade, pois, nas nosas concrusiós, feitas pra todol-os galegos. Pró, ademáis, sentídeas, practicádeas. Nosos brazos están abertos pr’a fecunda aperta. Todos xuntos melloraremos a grande obra. O ideal que nos aloumiña vos pide que sintades a Galicia, coma nós no recuncho mais intenso das vosas almas. Ninguén é inútil pra ista cruzada. A nosa mocedade tén unha santa obriga co-a patria, e agardamos, ateigados do lume inmenso do noso amore, que todo galego dino nos mande a súa adhesión á Santa Causa da Redenzón da Nai Terra. Na cibdá de Lugo, a noite do dazaoito de Samartiño do mil novecentos dazaoito. Pol-os asambleistas: A. Losada Diéguez; V. Risco; A. Noguerol; X. Quintanilla; M. Banet Fontenla; R. Cabanillas; A. R. Castelao; L. López Abente; V. Taibo; V. Parateha; A. Villar Ponte; J. Ferreira; L. Peña Novo; L. P. Carballa; X. Culebras; E. Bidegain; F. Vázquez Enríquez; G. Cedrón; F. M. Balboa; X. V. Viqueira; R. Blanco Torres; Rodríguez de Vicente; Ivo Fernández; Correa Calderón; R. Villar Ponte; L. Ares; A. Ramos; S. Mosteiro; X. Ares; X. Peña; L. Briones; Díaz Varela; P. Peña Novo; Sánchez Taíz; X. Faraldo; V. Veiga; C. Monasterio; X. Sarmento; L. de Labra; R. Oxea; C. García Colmelo; R. Gutiérrez; X. García Colmelo; F. Abelaira; A. Casal; T. Rodríguez; F. Zamora; V. Maceiras; A. Martínez; I. Rodríguez; X. Robles; R. Carballal; R. Areses; E. Charlón; M. Sánchez Hermida; T. Amador; M. Vázquez; B. Varela; I. A. Garaloces; X. Basteiro; E. Lence Santar; Guitián; V. Casas e X. Monteiro Mejuto.
A Asambreia que aprobou iste manifesto asistiron persoeiros de tódal-as Irmandades; estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturaes; e mandaron sua adhesión cinco federaciós agrarias, once Concellos, mais de 40 Asociaciós e numerosísimas persoalidades de Galicia.
(A cantos simpaticen con iste manifesto pregámoslles comuniquen-o o mais axiña posibre, a calquera Irmandade da Galicia, pra faguer público o estado da opinión galeguista).
|