|
Delegados/as da CIG-Autonómica imputados penalmente pola fiscalía dun delito contra as institucións do estado. Son xa dez os delegados e delegadas da CIG, todos eles persoal funcionario e laboral da Xunta, así como unha afiliada, citados a declarar nos xulgados de Coruña, Compostela e Pontevedra, imputados penalmente pola fiscalía dun delito contra as Institucións do Estado (art. 503.2 do Código Penal), tipificado cunha pena de entre 2 e 4 anos de cadea. Falta por saber se tamén haberá imputados noutros partidos xudiciais.
O xoves 12 de abril, a CIG convocou unha concentración á que se sumou UGT e traballdores/as en San Caetano, para protestar pola aprobación da Oferta Pública de Emprego por parte do Consello da Xunta e a constante desprofesionalización da Administración Pública coa continua creación de empresas públicas e a creación de asistencias técnicas (a porta de atrás de Touriño), sendo duramente reprimidos pola policía, a toda lóxica seguindo instrucións dos responsábeis políticos da Xunta, causando múltiples contusións, pernas e brazos escaiolados, gafas rotas.. a varios delegados e delegadas do noso sindicato, así como a outros compañeiros e compañeiras. Os/as concentrados/as protestabamos pola negativa a negociar e en repulsa pola vergoñenta Oferta Pública de Emprego do 2007, onde a CIG demandaba: Procesos selectivos mediante concurso-oposición, dun xeito equilibrado; promoción interna separada en todos os corpos e escalas; convocatoria de todas as vacantes; tribunais por sorteo, sen representantes nin de administración nin de sindicatos; non a creación de empresas paralelas na Administración Pública; eliminación de todas as Asistencias Técnicas.. Esta non era a primeira vez, nin será a derradeira, que se convocaba unha concentración ante o Consello da Xunta, mais non lembramos un incidente tan grave en moitísimo anos, que motivou que os/as concentrados/as interpuxeran unha denuncia no xulgado de garda pola brutalidade do desaloxo. A sorpresa tivémola cando fai unhas semanas, varios delegados e delegadas da CIG-Autonómica recibiron citación xudicial para declarar como imputados. O 6 de xullo, cinco delegados e delegadas da CIG-Autonómica, entre eles o noso Secretario Nacional, terán que declarar ante o Xulgado de Instrución nº 2 de Compostela, imputados dun delito contra as institucións do estado (pena de entre 2 e 4 anos de cadea). Nesa ocasión, na que o Conselleiro de Presidencia atreveuse a falar "da porta de atrás" (falará polas súas asistencias técnicas, apertura de postos a docentes, estatutarios, outras administracións, sen reciprocidade)., nesa ocasión, houbo ordes de facer un desaloxo de tempos tan pretéritos que non lembramos outro, causante de varias lesións a delegados e delegadas da CIG. Como imputados, tivemos acceso ao expediente, no que consta unha denuncia da policía e un informe do Secretario Xeral de Presidencia, nos que negan a brutalidade do desaloxo, cando as imaxes gravadas pola TVG evidencian o contrario. A CIG non está disposta a pechar a boca, polo que ante esta tentativa de criminalizarnos, esta organización sindical decidiu rachar toda relación institucional coa Xunta, toda participación en mesas de negociación entre mentres non se dean pasos para o sobreseimento da demanda penal. A CIG denuncia a brutalidade do desaloxo policial, a complacencia de Conselleiros e Presidente da Xunta, a implicación do Secretario Xeral de Presidencia, e demais responsábeis do desaloxo. Queremos tamén denunciar a actitude do sindicato CCOO quen, nunha actitude demagóxica e insolidaria, está a dicir que a CIG racha a unidade sindical ao retirarmonos unilateralmente das Mesas de negociación de incendios. Que unidade sindical? A que teñen eles en incendios sen contar con ningunha outra central sindical forzando á volta ao Anexo V que anteriormente asinaron? A CIG continua a defender os dereitos das e dos traballadores e a denunciar os abusos que comete a administración, e convidamos a CCOO a que deixe de enganar á xente. A CIG racha as relacións; que alternativas temos cando todos/as os/as imputados/as son do noso sindicato, e son imputados como terroristas? A CIG esixe a dimisión do Conselleiro de Presidencia e Interior, así como dos responsábeis da orde da carga policial. Convidamos a todos/as os/as que poidan acudir, a que asistan aos xuízos: Pontevedra: 28 de xuño, ás 9:30, nos xulgados de A Parda. Compostela: 6 de xullo, ás 9:30, nos xulgados da rúa Viena. Nos foros da CiberIrmandade . |