|
A Mesa pola Normalización Lingüística . Varias sentenzas do Tribunal Constitucional amparan a progresiva galeguización do ensino “para corrixir situacións de desequilibrio herdadas historicamente e evitar que ocupe unha situación secundaria”.
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos (ODL), formado por membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüistas, docentes universitarios e profesionais do dereito, posicionouse esta mañá en conferencia de imprensa sobre o decreto de promoción do galego no sistema educativo publicado onte no DOG.
Elsa Quintas, coordenadora do ODL, lembrou que “o sistema educativo é un axente primordial de normalización lingüística” e que “a fixación da lingua propia como lingua de comunicación entre alumnado e docentes en diferentes materias persegue xustamente garantir a capacidade de comunicación nese idioma”. Quintas fixo tamén referencia a diversos informes oficiais onde se sinala o “fracaso insólito da lexislación lingüística no sistema educativo galego”. Alba Nogueira, profesora de Dereito na USC e membro do ODL, mostrou a través de varias sentenzas do Tribunal Constitucional (6/1982, 88/1983, 195/1989, 214/1989 e 337/1994) que o decreto aprobado “ten total encaixe e amparo no marco xurídico actual” e subliñou que, segundo este mesmo Tribunal, “no ámbito educativo os menores están encadrados nunha relación de suxeición especial que matiza o dereito de elección dos seus pais e que non inclúe os dereitos lingüísticos, xa que o estudantado debe acreditar ao final do seu período de escolarización que coñece e usa correctamente as dúas linguas oficiais”. Nogueira comparou a situación das disciplinas que se deben impartir en galego, onde tanto profesorado como alumnado deberán utilizar este idioma, coas que se imparten nunha lingua estranxeira. “Só desde un prexuízo contra o galego se pode dicir que nas materias para impartir neste idioma o alumnado non ten por que utilizalo en exposicións, exames, etc. Sería como se, nas disciplinas que se imparten en inglés ou francés, o alumnado tamén puidese ter un suposto dereito individual a facer os exames en galego ou castelán.” Desde o ODL lembran que o Tribunal Constitucional xa se posicionou claramente sobra normas legais máis ambiciosas que o actual decreto, como é a lexislación catalá: “Ao ser o catalán materia curricular e lingua de comunicación no ensino, asegúrase que a súa cooficialidade se traduza nunha realidade social efectiva; o que permitirá corrixir situacións de desequilibrio herdadas historicamente e excluír que dita lingua ocupe unha posición marxinal ou secundaria. A esta finalidade de garantía do suficiente coñecemento e uso correcto de ambas as linguas han de dirixirse as actuacións dos poderes públicos competentes en materia de educación (...), xa que lles corresponde determinar a aprendizaxe dunha e outra lingua nos currículos do Ensino Básico e, no que aquí especialmente importa, o seu uso como vehículo de comunicación entre profesores e estudantes, de xeito que fique garantido o seu efectivo coñecemento. O que está constitucionalmente xustificado, ademais se se atender á íntima relación existente entre o coñecemento da lingua como materia obxecto de estudo, dun lado, e, doutro, o seu uso como lingua docente, xa que o segundo, indubidabelmente potencia o primeiro.” (Sentenza do Tribunal Constitucional 337/1994) |