|
A Mesa pola Normalización Lingüística valorou hoxe en conferencia de imprensa a actitude de “crispación” do Partido Popular perante o novo decreto de galeguización do ensino, que previamente este partido consensuara con PSOE, BNG e a Consellaría de Educación. Para esta organización cidadá, “o PP traizoa os seus votantes para cumprir as ordes que lle chegan de Madrid”. “Esta decisión vailles ter custos, porque nin a súa base social nin a súa base electoral entenden por que o PP está tan radicalmente en contra dun dos principais sinais de identidade de Galiza”, segundo Carlos Callón, presidente da Mesa.
Carlos Callón: “Os dirixentes do PP quererían ser os enterradores do galego, mais non o van conseguir”. “O galego precisa unha discrimininación positiva para que o estudantado saia do ensino cos mesmos coñecementos de galego que de castelán” Callón valorou que a actitude do PP “mostra ás claras, sen as carautas nin as propagandas a que nos tiñan habituados, uns dirixentes antigaleguistas e sen proxecto político para educación e cultura”. “Como pode ser que no 2001 voten no Congreso para que o ensino sexa totalmente en galego; que no 2004 voten no Parlamento galego que como mínimo un 50%; que durante meses negocien o decreto que agora sae e se desmarquen no último momento? Iso non é serio, é buscar a bronca pola bronca.” “O señor Feixó cambiaba onte a postura histórica do PP sobre a lingua no sistema educativo en Galiza e afirmaba que debería haber dereito de elección dun idioma ou outro, a pesar de que iso non garantiría as competencias comunicativas nas dúas linguas cooficiais e suporía unha fractura social. Parece que agora os dirixentes do PP galego queren tomar como modelo o sistema educativo do País Vasco, mais deberían explicar por que cando eles gobernaban lle impedían aos pais que educasen os seus fillos en galego se así o solicitaban.” “A verdade crúa é que ao señor Feixó lle gustaría ser o enterrador do galego, para terminar a destrución do noso idioma acelerada, aínda que de xeito máis disimulado, durante os gobernos de Manuel Fraga Iribarne”. “Porén, non o vai conseguir”, afirmou o representante da Mesa. Tranquilidade á comunidade educativa Callón lanzou tamén unha mensaxe de tranquilidade á comunidade educativa perante a posibilidade de que o PP presente un recurso ao Tribunal Constitucional contra o decreto que consensuou: “A xurisprudencia do Constitucional é clarísima sobre este asunto”. Con ironía, indicou que “se este decreto non for constitucional e si o for o que funciona en Cataluña desde os anos 80, de pleno ensino en catalán, xa saberiamos cal é o camiño a seguir”. Desde A Mesa reclámase tamén que “non se utilice o estudantado como escusa para que o sistema educativo garanta as competencias comunicativas en galego”. “Se alguén quere cifras, que recorde que 66.031 estudantes, segundo datos oficiais, se mobilizaron neste curso escolar que acaba de finalizar para conseguir a galeguización do ensino”. Discriminación positiva Callón tamén reclamou que “desde o PP se deixe de intoxicar afirmando que se está contra o castelán, porque iso non é certo”. “O que si é necesario é que haxa unha discriminación positiva para o galego, de xeito que o estudantado poida saír do sistema educativo coas competencias comunicativas nas dúas linguas que coexisten en Galiza, ademais de coas estranxeiras correspondentes. Esa é xustamente a doutrina do Tribunal Constitucional e a filosofía do decreto promulgado a pasada semana.” |