|
Case dúas semanas despois de que A Mesa pola Normalización Lingüística pedise publicamente ao novo Valedor do Pobo, Benigno López, que rectificase as súas declaracións nas que cuestionaba o uso do galego no ensino e na xustiza realizadas en entrevistas a distintos medios de comunicación, este aínda non fixo ningún tipo de aclaración ao respecto. Esta asociación non descarta mobilizacións e afirma que “Se non rectifica, ao Valedor só lle quedan dúas opcións: ou renunciar ou ser cesado por incumprimento das súas obrigas”.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, asegurou en conferencia de imprensa que “se o novo Valedor non rectifica ou aclara se ten algunha fobia contra o galego que o incapacite para o cargo, só lle quedan dúas opcións, segundo o propio regulamento da institución que representa: ou renunciar ou ser cesado por grave incumprimento das obrigas do seu cargo”. Callón asegurou que “é evidente que as incumpre, cando fai algo que está a 180 graos do que debería ser o seu papel”. O dirixente da asociación cidadá en defensa da lingua explicou que A Mesa xa solicitou unha reunión co propio Valedor, ao que quixo recordar a través dos medios cal é a situación real dos dereitos lingüísticos en Galiza, que, dixo, se pode “constatar non só a través das propias denuncias que chegan á Mesa, senón tamén a través de órganos tan solventes como o Comité de Ministros do Consello de Europa”. Callón pediulle que faga respectar os dereitos lingüísticos, e recomendoulle á cidadanía que non deixe de utilizar a institución do Valedor cando vexa estes dereitos vulnerados. “Agardamos a que se produza a entrevista con Benigno López, se non hai unha rectificación entón teremos que reunirnos coa presidenta do Parlamento e cos grupos parlamentares que elixiron ao Valedor, o seguinte paso é mobilizar á cidadanía”, manifestou o presidente da Mesa. Callón agradeceu as mostras de repulsa contra as declaracións de Benigno López chegadas desde diversos ámbitos, aínda que ao mesmo tempo puxo o acento sobre o silencio doutras institucións “das que non sabemos a súa opinión, a pesar de que se lles solicitou desde os medios de comunicación, como a Real Academia Galega”. “Agardamos que na próxima reunión do seu plenario traten o tema e se pronuncien oficialmente”. |