Segundo informa Galicia-Hoxe "Producións Acontrabutaca" acaba de adquirir os dereitos do texto de Robin Hood para preparar un musical galego que se representará en Galicia e Portugal e que se estreará oficialmente na Estrada o próximo 13 de outubro.
Segundo indicou o director da Escola Municipal de Teatro estradense e fundador da produtora teatral, ademais de alma mater da iniciativa, Xosé Lueiro, a idea xurdiu hai uns dez meses cando unha produtora de Madrid para a que traballaba ofreceulle a posibilidade de adquirir os dereitos do espectáculo infantil de Robin Hood.
Con todo, Lueiro quería darlle un cambio de imaxe e converter unha mera obra de teatro infantil en algo máis. Por iso é polo que sopesara a idea de adquirir os dereitos do texto británico e adaptalo ó galego, e á idiosincrasia da comunidade autónoma. "O nexo de unión entre ambas as dúas historias é o bosque, que aquí será unha fraga con trasgos, meigas, fadas", di Lueiro. "A historia e o heroe son os mesmos, porque o heroe británico é universal, pero o que pretendemos é galeguizar o mito". Produccións Acontrabutaca logrou unha axuda da Xunta para financiar o proxecto e está en negociación cunha entidade bancaria para iniciar unha xira a partir do nadal. Lueiro di que quere facer un "espectáculo familiar dirixido a nenos, que mestura varios tipos de linguaxes escénicas (teatro, canto, monicreques...) e conta con artistas profesionais". O elenco compóñeno, entre outros profesionais do mundo teatral Nuria Sanz, Patricia Vázquez, Rocío González, Ana Ponte, Fran Ameijeiras, Paco Oti, Rodrigo Roel, Fernando Campo, Anabel e Uxía Gago, e Xosé Lueiro ( que será o director). Lueiro insiste en que o espectáculo, o primeiro destas características que se estreará en Galicia, se presentará a finais do mes de setembro e que os ensaios comezarán na Estrada o próximo día 3. O produtor sinala que o espectáculo estará na Feira de Artes Escénicas de Galicia. |