|
Movemento polos Dereitos Civís quere denunciar o incumprimento das obrigas dunha institución pública como é o Valedor do Pobo. O pasado 31 de xullo, o propio Benigno López facía unhas incomprensibéis declaracións a diversos medios nas que minusvaloraba gravemente o galego. Este feito fixo que máis de 90 persoas, a iniciativa do MpDC, enviaran as súas queixas ao propio Valedor, e polas que non obtiveron, case un mes despois, resposta algunha.
Nestas queixas, a cidadanía facía algunha recomendación ao Sr. Benigno en aras de que cumprira o mandato recibido e un dos fins encomendados no seu nomeamento, como é a defensa dos nosos dereitos lingüísticos. Hai que lembrar que o Valedor do Pobo facía o pasado mes de xullo varias declaracións aos medios de comunicación que minusvaloraba o noso idioma.
Nelas, Benigno López afirmaba, por exemplo, que “o principal inconveniente que pode ter o uso do galego na administración de xustiza, é que pode resultar, en certo xeito, perigoso”. Ou tamén dicía, sen ningún tipo de reparo, que “pretender que un xuíz someta unha sentencia dictada en castelán á traducción dunha oficina é, igualmente, perigoso por que nunha sentencia non hai só unha literalidade, se non que vai imbuída do espírito da sentencia, é dicir, o que o propio xuíz que a dictou quere dicir nela, e é difícil que esta percepción póidase facer por terceiras persoas”.
O MpDC denunciou publicamente no seu día a inconvenencia de facer unhas declaracións coma estas, sobre todo, ao tratarse do Valedor do Pobo, unha institución pública que como ben di o nome, pulará para a defensa e lexitimidade dos dereitos da cidadanía, non para posicionarse dun único lado da balanza.
Por todos estes motivos, o MpDC solicita ao Valedor que remita a contestación oportuna a cada unha das queixas recibidas e rectifique as súas declaracións nas que minusvaloraba o noso idioma.
Nova orixinal: http://mpdc.blogspot.com/2007/08/o-valedor-do-pobo-non-responde-ningunha.html |