|
A Mocidade pola Normalización Lingüística anima a asistir aos pases do filme de animación Doraemon e o Dinosauro Pequeno, para “apoiar e fomentar as proxeccións en galego” ao mesmo tempo que se goza das aventuras do gato cósmico. A sección xuvenil da Mesa saúda o financiamento da dobraxe por parte de Política Lingüística, que chega logo das campañas sociais, mais considera “claramente insuficiente un filme en galego ao ano”.
Desde a sección xuvenil da Mesa recórdase que se cativos e non tan cativos poden agora ver unha nova entrega das aventuras de Doraemon e os seus amigos falando en galego na gran pantalla é grazas ás reclamacións realizadas desde a Mesa para que a Xunta asinase un acordo nese sentido coa distribuidora, Luk Internacional, igual ao que xa existía en Cataluña e Euskadi. Nese sentido, convidan á Secretaría Xeral de Política Lingüística, que financiou a dobraxe ao galego da fita, a que siga traballando nesta liña para conseguir os obxectivos marcados polo Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza no 2004, no que se especifica que se promoverá “a dobraxe ao galego de polo menos 10 filmes anuais, de entre os que presenten maiores expectativas comerciais”. “Pola contra, Doraemon e o Dinosauro Pequeno é o primeiro filme que podemos ver en galego nas salas comerciais neste ano 2007”, denuncia a organización xuvenil da Mesa. Doraemon e o Dinosauro Pequeno exhíbese esta semana nas seguintes salas de toda Galiza: - A Coruña: Filmax e Os Rosais
- Lugo: CC As Termas e Yelmo Lugo
- Narón: CineBox Narón
- Ourense: CineBox Ourense
- Santiago de Compostela: Cines Compostela
- Vigo: Gran Vía Cines e Yelmo Cineplex Vigo
- Vilagarcía de Arousa: MGA
Seguir fio nos foros da ciberirmandade |