Luns, 01 de Decembro do 2008
 
  Inicio arrow Novas de usuarios/as arrow A Mesa denuncia dous casos de grave discriminación lingüística no Sergas  
Obxetivo. Dolce Vita (19.09.2008)

Dolce Vita é a marca dun Grupo de Centros Comerciais portugueses con presenza en toda Península Ibérica e pretende instalarse en breve na Coruña. Din que na súa filosofía está saber “ser locais” e “entender a cultura e necesidades da sociedade coa que conviven” mais esta filosofía parece excluír o idioma galego como vehículo de comunicación e comercio así como obviar a toponimia correcta do lugar onde se van asentar, neste caso A Coruña.

Pensamos que sería bo facerlles saber que como potenciais clientes nos gustaría desenvolvernos integramente na nosa lingua o que inclúe ver respectada a nosa toponimia. Que esta normalidade pasa por ser atendidos, poder consultar e comprar en galego, ao vivo, a través de catálogo ou no ciberespazo.

Fai que lles conste a túa suxestión enviando este prego.

Menú Principal
Inicio
A CiberIrmandade
Obxectivos
Novas CiberIrmandade
Novas de usuarios/as
Os foros
Tradución de software
Portal de formazón
Galería de imaxes
Documentos, artigos
Descargas
Contactar connosco
Recibir novas
Ligazóns
Proxectos Asociados
Campaña: Dimensiona

A Mesa denuncia dous casos de grave discriminación lingüística no Sergas Imprimir Correo-e
Escrito por Kiko das Leiras   
Mércores, 31 de Outubro do 2007
 
A unha pediatra do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo non lle admiten as solicitudes de probas radiolóxicas porque as pide en galego. A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou publicamente dous novos casos de discriminación lingüística dentro do Servizo Galego de Saúde, un organismo sobre o que segundo Carlos Callón, presidente da asociación en defensa da lingua, se están a recibir “reiteradas queixas” por non garantir o dereito dos usuarios a expresarse e a ser atendidos en galego, “a pesar de que é plena competencia da Xunta de Galiza”.
A asociación pide o cesamento dos responsábeis das oposicións do Hospital do Salnés, entre eles ao director xeral de da División de Recursos Humanos do Sergas, por xustificar que non houbese igualdade de oportunidades para as persoas que quixesen facer os exames en galego

Callón asegurou que “son os pacientes os que máis sofren a intemperie dos seus dereitos lingüísticos no Sergas, mais tamén os médicos que coñecen o galego e que o practican sofren as consecuencias”. Para A Mesa, “a Consellaría de Sanidade non está a tomar a serio o problema”.

O presidente da Mesa indicou, nunha comparecencia no Club Internacional de Prensa, o caso dunha pediatra do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo á que non lle aceptan as solicitudes de probas radiolóxicas porque as escribe en galego. “Nunha das solicitudes rexeitadas aparece sinalado en vermello Ruego traducción al español”, manifestou Callón. “A solicitude é de tres liñas e con vocabulario técnico idéntico en castelán e galego. Ou como se di hipotensiva en español? E traumatismo? Será abdominal a palabra que non se comprende? É evidente que aquí hai un caso de fobia contra o galego, e non de incomprensión dunha lingua.”

“O Sergas non só non potencia o galego, senón que o penaliza”


O outro caso denunciado hoxe pola Mesa é o das probas selectivas para persoal facultativo da fundación pública Hospital do Salnés. Nun escrito asinado polo director xeral de División de Recursos Humanos do Sergas, dáse a razón á Mesa en que había exames que non estaban en galego, mais considera que “se algún opositor o solicitaba, o vogal da especialidade procedería á súa tradución no mesmo momento do inicio do exame”.

Callón sinalou que, “en primeiro lugar, iso é mentira, á xente que pediu o exame en galego só se lles dixo que non había, co cal ou o facían en castelán ou non o facían”. Ademais, “isto que nos di o director xeral de Recursos Humanos e que nos remite á Mesa o secretario xeral do Sergas é unha xustificación con todas as letras de que non haxa igualdade de oportunidades se queres acceder ao posto de traballo utilizando o galego.”

Para o presidente da Mesa, “é xa unha desvergoña intolerábel que desde o Sergas se lle diga á nosa asociación que quen a solicitou en galego decidiu non agardar pola tradución, como se finalmente non tivese o exame nesta lingua porque non o quixo”. “Causa estupor que nos envíen esta carta e queiran arquivar a queixa por discriminación lingüística sen tomaren ningunha medida”. Para Callón, “na Consellaría de Sanidade ampárase a idea do galego como lingua de raritos, de obxectores de consciencia, polo que consideran un bo procedemento que os exames en galego haxa que pedilos expresamente, agardar a que fagan a tradución amateur por unha persoa sen título de tradutora, agardar a que a impriman... mentres o resto dos concorrentes xa estean a realizar o exame”.

A Mesa reclámalle á conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, o cesamento das persoas responsábeis destas oposicións, entre eles o director xeral de Recursos Humanos do Sergas. Ademais, Callón vai solicitar unha entrevista coa titular de Sanidade para que faga cumprir o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento en 2004 e faralle chegar os correspondentes expedientes por discriminacións lingüísticas no Sergas ao Valedor do Pobo.

A dificultade de conseguir lápidas e esquelas en galego


A preguntas dos xornalistas nesta conferencia de imprensa, Carlos Callón recordou que cando se cambiou o lugar no organigrama da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que agora depende directamente de Presidencia e antes era unha dirección xeral adscrita á Consellaría de Educación “xustificouse dicindo que debía ter unha acción transversal para cumprir o Plan Xeral de Normalización”, así que “a responsabilidade da Secretaría Xeral neste tipo de casos é total, nós levamos anos tentando que funcione e que faga cumprir polo menos os acordos mínimos a respecto da lingua”.

O presidente da Mesa considerou “parodia dunha política lingüística” o concurso de epitafios en galego que acaba de sacar a Secretaría Xeral. “Hai un acordo do Parlamento para que os cidadáns que queiran publicar as esquelas ou pór as lápidas na lingua que os seus familiares ou amigos falaron en vida poidan facelo con normalidade, sen as dificultades ou sobreprezos que se encontran nas funerarias. Ese acordo do Parlamento non se executa, mais sácase un tétrico concurso de epitafios que non serve para nada. Isto é o que moitos sociolingüistas chaman política de homenaxe á lingua, unha homenaxe funeraria neste caso.”

Tamén a preguntas dos xornalistas, Callón cualificou de “continuístas” os orzamentos do departamento que dirixe Marisol López, “destinando cantidades importantes de diñeiro para centros como o Ramón Piñeiro que non están a traballar pola normalización”. “Sendo grave este continuísmo, desde A Mesa tamén temos que puntualizar que hai moitos departamentos, dirixidos tanto polo PSOE como polo BNG, que poderían destinar parte dos seus orzamentos para a normalización da lingua, con proxectos específicos, e non o fan”.
 
< Ant.   Seg. >

Últimos Obxectivos
Pola nosa língua, envía un correo a:
Dolce Vita 
Logo 120x90 animado
Outros obxectivos:
Amnistia Internacional e os dereitos do "galego" 
Audasa, Autoestradas de Galicia; infraestructuras en galego 
Solidariedade civil
Campaña: Salvemos Monteferro


Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5
  

© 2008 CiberIrmandade da Fala
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.

Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com