[avantar] A grande maioría dos institutos de Vigo aparecían sen alumnado nesta xornada de loita pola reivindicación do galego. Grupos de piquetes percorreron os centros de ensino, e logo despois xuntaban voces para berrar polo galego ás 12 na Praza dos Cabalos en Vigo. O Foro da Mocidade de Vigo convocaba para este 24 de abril unha folga no ensino medio de Vigo polo cumprimento do 124/2007, que é a lei que rexe o emprego do galego no ensino. Aulas baleiras e unha manifestación de máis de 400 estudantes é o resultado desta primeira mobilización local polo uso do galego no sistema educativo. A manifestación partía da Praza dos Cabalos pasadas as doce e media da mañá, e realizaba un percorrido polas principais rúas do centro de Vigo, até rematar fronte á Delegación da Xunta nesta cidade.
"Queremos estudar en galego"
A manifestación, escoltada por policias antidisturbios, tivo un ambiente festivo e combativo, centrando as reivindicacións na língua e na soberanía de Galiza. Berros como "Na Galiza en Galego", ou "Queremos estudar en Galego", estiveron acompañadas de reclamacións de soberanía para o noso país e críticas tamén para "Galicia Bilingüe", os defensores do uso do español na Galiza. A mobilización rematou coa lectura dun manifesto por parte dun estudante onde sinalaban que "para o Foro da Mocidade de Vigo a verdadeira normalización é camiñar cara o monolingüismo galego no ensino e na sociedade en xeral".
|