Venres, 22 de Agosto do 2008
 
  Inicio arrow Novas de usuarios/as arrow Perseguidores e perseguidos  
Obxetivo: Amnistía Internacional, parabéns e suxestión. (16.06.2008)

 Amnistía Internacional vén de celebrar os 30 anos da súa legalización no Estado Espanhol, e 20 de presenza continuada na Galiza. A Ciberirmandade quere sumarse cos parabéns evidentes polo aniversario e máis polo traballo feito e cunha suxestión que ten que ver coa pouca sensibilidade de  A.I. a respecto das distintas linguas do Estado, que se plasma na falta de opción de galego, catalán e euskera na web da “sección Española” de  A.I., así como nas campañas de envío de correos electrónicos que remiten ás/aos soci@s e colaboradores.

Cremos que unha organización como A.I. non debería de ter maior problema, nin polos valores e principios que defende, nin polos recursos que se lle supoñen, en satisfacer os dereitos lingüísticos das distintas comunidades do Estado. Por todo isto animámosche a enviarlles este prego de felicitación e suxestión.

Menú Principal
Inicio
A CiberIrmandade
Obxectivos
Novas CiberIrmandade
Novas de usuarios/as
Os foros
Tradución de software
Portal de formazón
Galería de imaxes
Documentos, artigos
Descargas
Contactar connosco
Recibir novas
Ligazóns
Proxectos Asociados
Campaña: Arquitectura Galega

Perseguidores e perseguidos Imprimir Correo-e
Escrito por apana   
Xoves, 24 de Abril do 2008

 [dornaretina]  Interesante artigo dunha blogueira galega de 22 anos que mira a realidade lingüística do pais sen espellos deformantes, ao vivo:

22 anos, case 23, e aínda non consigo que moita xente maior -galegofalante- se dirixa a min en galego. Fano en español, a lingua que lles aprenderon a usar pra ir ao médico, arregrar papeis ao notario, ou pra falarlle aos netos. Non o fan pensando en todo o que significa, non o fan pensando, sequera, sáelles automático. E só cando xa levas un bo cacho falando, salta algo no seu cerebro e voltan á lingua que lles é natural.

Este fenómeno non é exclusivo do galego. O profesor Matala, do que xa falei nalgunha ocasión, explicaba que a primeira colonización, a máis forte e perigosa e nai de todas as demais, era a lingüistica. Para min, que non son lingüista e descoñezo as etapas de tal fenómeno, hai unha característica desta colonización (que ademais de idiomática é, pois, identitaria) que me parece a máis terrible de todas: o autoodio. O autoodio supón pensar que o que vén de fóra é moito mellor, e o de dentro ha quedar relegado ao pé do lume, ao uso doméstico e canto máis ao rural, mellor.
 
Hai máis ou menos un ano, se mal non lembro, estreábase Linguas cruzadas. Os españolfalantes do documental amosaban a súa admiración por aqueles que usaban o galego como vehículo. A miña experiencia persoal dime que non todo o mundo é así. Non se me borra da cabeza o rapaz aquel que un sábado pola noite, á saída dunha discoteca, me preguntou con desprezo por que falaba galego, se é que non sabía falar en castelán. No subconsciente de gran parte da poboación segue esta premisa do autoodio, de identificar o galego coa ignorancia, co non-saber, e o español coa lingua da cultura.

Así é, señores, non lles estou a falar de anécdotas do franquismo, de cando lles pegaban aos nosos pais por falar o español con seseo e gheada. Falo de min, nacida no 1985, a quen no seu primeiro día de prácticas nun xornal lle dixeron: oye, la próxima vez procura no escribir en gallego. Despois chegar a un medio público e poder facer novas no idioma no que falo, iso foi o paraíso. Non tanto falar cos compañeiros, porque tamén nos medios públicos e monolingües, o número de traballadores que falaban galego cos que topei resultou ser moi baixo.

GB e maila persecución

Sigo dende hai tempo as andainas de Galicia Bilingüe, pero sorpréndeme agora toda a polémica que se está levantando arredor da persecución lingüística do español. Parece que o gato e mailo rato cambiaron os papeis. Pregúntome de que persecución lingüística falan estas persoas. Non fai falla botar unha ollada ao que nos rodea pra ver que todo está en español: os medios de comunicación, os carteis, a educación. Falan do ensino. De que ensino están a falar? No meu instituto só daban clase en galego as profesoras de galego, e máis un de educación física. Falo de Marín, non dun instituto de Valladolid.

Algunhas amigas que teño, españolas e monolingües, sorprendíanse cando me escoitaron dicir que fun unha privilexiada, porque Xornalismo é unha das poucas titulacións que hai no sistema galego onde tiven a meirande parte das materias na miña lingua. Míranme horrorizadas preguntando se non hai posibilidade de estudiar a carreira en español. E despois esgrimen argumentos do tipo de: a finalidade é comunicarse, e se tes que cambiar de idioma, cambias e xa está, que falar español non é tan malo. Ante esto, algo moito máis sinxelo: por que cambiar de idioma se a persoa que teño diante non amosa ningún tipo de interés por entender a miña lingua, nin por facer sentirse cómodo a un falante no seu propio idioma?
Haberá a quen lle poia parecer unha posición radical, seguramente. Non serei eu quen critique aos que falan español por facilitarlle a comprensión aos de fóra. Se non fose así, non coñecería a xente tan interesante no país dos vascos. Nunha ocasión atopei a unha rapaza euskaldune, que comezou a falarme en galego. Ademais, vivía en Catalunya, e estaba a aprender o catalán. Ninguén pode falar de liberdades lingüísticas diante de xente que fai tantos esforzos por comunicarse cos demais en cadanseus idiomas. Gustaríame saber cantas linguas coñecen aqueles que falan da persecución do español no estado.

Pero no caso que nos ocupa falamos dos de dentro, dos que naceron na terra, pero renegan do galego, que disque se senten perseguidos. Como dicía hai pouco Moreno Cabrera, o problema non é dos bilingúes, senón dos monolingües. Por que non falar galego, se é a lingua dos meus pais, dos meus avós, bisavós, e así ate perder a conta? Por que prohibirme utilizala en todos os ámbitos da miña vida, nos que está pleno o español? O perigo non se ve porque retroceda este último, senón porque avanza o galego. E iso produce, quizais, un medo. Un medo a ver tremer unha identidade cimentada sobre a supremacía lingüística, social e cultural sobre o outro, o diferente, con todo o pouso que isto foi deixando ao longo de xeracións. O ascenso do español para evitar que o galego, coa súa cruz de prexuízos enriba do lombo, se normalizase. Para uniformizar, ao máis puro estilo colonizador do século XIX.

Se o galego estivese na situación na que agora se atopan linguas coma o popoluca ou o baré, en territorio latinoamericano, non habería estas discusións, porque todos os españolfalantes pensarían que hai que defender os dereitos dos pobriños indíxenas. Como do que se fala é de que ter os mesmos dereitos, de achegar o galego a todos os eidos da vida, pública e privada, é cando aparece o medo.

Se o que queren é convertirse nunha minoría dentro do contexto galego, señores castellanoparlantes, vaian buscando outros argumentos. Porque aquí ninguén lles cre que o galego sexa o perseguidor de nada. Non nos queiran facer pensar que Patiño debuxou O home que falaba vegliota pensando en vostedes.
Para os galego parlantes, buscar a igualdade entre ambas liguas é, hoxe por hoxe, camiñar cara a unha utopía.
 
< Ant.   Seg. >

Últimos Obxectivos
Pola nosa língua, envía un correo a:
Amnistia Internacional e os dereitos do "galego" 
Logo 120x90 animado
Outros obxectivos:
Audasa, Autoestradas de Galicia; infraestructuras en galego 
Activa Galicia - activa o galego 
Solidariedade civil
Campaña: SOS Mourela


Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5
  

© 2008 CiberIrmandade da Fala
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.

Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com