Domingo, 07 de Setembro do 2008
 
  Inicio arrow Novas de usuarios/as arrow Galicia plurilingüe. Artigo de M. Bragado  
Obxetivo: Amnistía Internacional, parabéns e suxestión. (16.06.2008)

 Amnistía Internacional vén de celebrar os 30 anos da súa legalización no Estado Espanhol, e 20 de presenza continuada na Galiza. A Ciberirmandade quere sumarse cos parabéns evidentes polo aniversario e máis polo traballo feito e cunha suxestión que ten que ver coa pouca sensibilidade de  A.I. a respecto das distintas linguas do Estado, que se plasma na falta de opción de galego, catalán e euskera na web da “sección Española” de  A.I., así como nas campañas de envío de correos electrónicos que remiten ás/aos soci@s e colaboradores.

Cremos que unha organización como A.I. non debería de ter maior problema, nin polos valores e principios que defende, nin polos recursos que se lle supoñen, en satisfacer os dereitos lingüísticos das distintas comunidades do Estado. Por todo isto animámosche a enviarlles este prego de felicitación e suxestión.

Menú Principal
Inicio
A CiberIrmandade
Obxectivos
Novas CiberIrmandade
Novas de usuarios/as
Os foros
Tradución de software
Portal de formazón
Galería de imaxes
Documentos, artigos
Descargas
Contactar connosco
Recibir novas
Ligazóns
Proxectos Asociados
Campaña:

Galicia plurilingüe. Artigo de M. Bragado Imprimir Correo-e
Escrito por 6ª matriuska   
Domingo, 27 de Abril do 2008

[Faro de Vigo 27/4/08]. Dende a aprobación do decreto polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo non universitario (Decreto 124/2007), sectores minoritarios abriron unha batalla a prol dunha educación monolingüe en castelán. Despois de vinte e cinco anos da aprobación da "Lei de Normalización Lingüística" (Lei 3/1983) e do "Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega" (aprobado o 21 de setembro de 2004 a proposta do Goberno Galego do Partido Popular), ambas as dúas pezas normativas apoiadas de forma unánime por todos os grupos do Parlamento Galego, asistimos pampos ao intento de estragar un dos poucos consensos nacionais urdidos durante o proceso autonómico: o de promocionar o uso da lingua propia de Galicia (como quedou definida no noso Estatuto) en todos os eidos da vida social e garantir que calquera cidadán poida vivir plenamente en galego.

Os defensores do modelo de educación monolingüe en castelán, que pretenden revogar o decreto polo que se regula que cando menos a metade das materias do currículum sexan impartidas en galego (medida, entre outras catrocentas, prevista no citado Plan Xeral, asumido polo Partido Popular cando gobernaba), aducen como argumentos principais a liberdade dos pais a escoller a lingua de escolarización dos seus fillos e a "inutilidade do galego no contexto da sociedade actual", propoñendo que se lexisle de xeito que se "protexa ao castelán" fronte á imposición doutras linguas oficiais (o catalán, o galego e o éuscaro) que, para eles, virían realizando os gobernos da Generalitat, da Xunta e do Goberno Vasco, no desenvolvemento de cadansúas políticas de Normalización Lingüística.

Esta oposición castelanófona á posta en marcha do decreto, apoiada e asumida por militantes e dirixentes do Partido Popular, semella ter máis un marcado carácter de perrencha política -á que non son alleas tanto a decepción deste partido, obrigado pola cidadanía a acometer unha travesía no deserto da oposición, como as presións involucionistas da súa Dirección Nacional en materia autonómica- ca ba-searse sequera nas posicións retrógadas do "darwinismo lingüístico" onde as linguas gozan dunha teórica liberdade. Así, non nos estraña que nesta polémica, promovida polos defensores do monolingüismo castelanófono, se estean empregando falsidades sen fundamento histórico, educativo, sociolingüístico ningún.

É unha rotunda falacia afirmar que coa política de normalización lingüística se pretende perseguir ao castelán en Galicia, cando, precisamente, hai datos abondos, como demostra o recente e voluminoso libro de novecentas páxinas da profesora María Pilar Freitas Juvino ("A represión lingüística en Galiza no século XX", Xerais 2008), que é todo o contrario, xa que durante o século pasado foron innúmeras as agresións sufridas pola lingua galega (dende a imposición, dende o poder político, do castelán en todo o territorio español, a persecución dos galeguistas, ata o desprezo e a burla sufrida polos galegofalantes). Como tamén é falaz ampararse na liberdade, xa que ningúen terá liberdade para falar ou escribir entre varias linguas se só coñece unha.

Outrosí sucede cando se afirma que o modelo de educación plurilingüe, no que está alicerzado o decreto, diminúe o rendemento do alumnado. Múltiples estudos universitarios demostran que estes modelos plurilingües, presentes nalgúns dos países máis avanzados do mundo (Canadá, Finlandia ou Suecia...), aseguran ao remate do período de ensino obrigatorio tanto unha mellor competencia en comunicación lingüística na lingua propia, na do estado, como nas linguas estranxeiras estudadas, como (o caso de Finlandia, o país da OCDE cos mellores resultados no "Informe PISA", é o máis significativo) mellores resultados académicos dos estudantes en todas as áreas e, o que non é menos importante para eles, múltiples vantaxes comunicativas, cognitivas, emocionais e, mesmo, laborais e económicas.

Coa posta en marcha deste decreto, inserido nun modelo ecolóxico das linguas, ábrese en Galicia un esperanzador modelo de educación plurilingüe, no que todo o noso alumnado usará durante o seu período educativo varias linguas (canto menos tres e, para moitos, catro) coa intención de acadar un dominio comunicacional efectivo de todas elas. Un modelo con efectos moi positivos para os estudantes e beneficioso para o conxunto da sociedade galega. É sensato renunciar a que os nosos fillos e fillas sexan no futuro competentes en galego, castelán, inglés, francés ou portugués? Existen razóns para anoxarse por que falen, escriban e lean correctamente en galego? A Galicia plurilingüe é unha proposta dun grande consenso nacional, ademais dun referente da nosa convivencia social e do noso nivel de civilización. Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver

http://bretemas.blogspot.com/  

 
< Ant.   Seg. >

Últimos Obxectivos
Pola nosa língua, envía un correo a:
Amnistia Internacional e os dereitos do "galego" 
Logo 120x90 animado
Outros obxectivos:
Audasa, Autoestradas de Galicia; infraestructuras en galego 
Activa Galicia - activa o galego 
Solidariedade civil
Campaña: Convivencia e igualdade


Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5
  

© 2008 CiberIrmandade da Fala
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.

Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com