Martes, 07 de Outubro do 2008
 
  Inicio arrow Novas de usuarios/as arrow Reflexións dun Monolingüe I  
Obxetivo. Dolce Vita (19.09.2008)

Dolce Vita é a marca dun Grupo de Centros Comerciais portugueses con presenza en toda Península Ibérica e pretende instalarse en breve na Coruña. Din que na súa filosofía está saber “ser locais” e “entender a cultura e necesidades da sociedade coa que conviven” mais esta filosofía parece excluír o idioma galego como vehículo de comunicación e comercio así como obviar a toponimia correcta do lugar onde se van asentar, neste caso A Coruña.

Pensamos que sería bo facerlles saber que como potenciais clientes nos gustaría desenvolvernos integramente na nosa lingua o que inclúe ver respectada a nosa toponimia. Que esta normalidade pasa por ser atendidos, poder consultar e comprar en galego, ao vivo, a través de catálogo ou no ciberespazo.

Fai que lles conste a túa suxestión enviando este prego.

Menú Principal
Inicio
A CiberIrmandade
Obxectivos
Novas CiberIrmandade
Novas de usuarios/as
Os foros
Tradución de software
Portal de formazón
Galería de imaxes
Documentos, artigos
Descargas
Contactar connosco
Recibir novas
Ligazóns
Proxectos Asociados
Campaña: Arquitectura Galega

Reflexións dun Monolingüe I Imprimir Correo-e
Escrito por Kiko das Leiras   
Venres, 23 de Maio do 2008

A PALLEIRA - Para explicar un comportamento sociolingüístico non hai nada como exemplificalo con retallos da vida. A realidade, o que sucede día a día, proporciona síntomas claros dunha situación estrutural máis complexa. Non obstante, estes indicios non son vividos da mesma maneira por todos os grupos de falantes. Un galegofalante de orixe é o primeiro en percatarse e padecer o conflito lingüístico, o bilingüísmo e a degradación do galego por castelanización.

En primeiro lugar, para nós, os monolingües rurais, o emprego do castelán é casual. Ao falalo poucas veces, sáenos acastrapado, un “interlecto”, segundo Monteagudo. No meu concello, os mozos das aldeas fomos creando unha terminoloxía moi precisa sobre os usos diglósicos da lingua foránea. Dependendo da formalidade coa que te expresaras, o castelán convertíase en pincho, tapa ou ración.

Un pincho consistía en falar castelán para preguntar algo concreto con respostas simples: “y luego que, va una cervecita?”. Unha tapa era máis complexa e menos definida, maior ca o pincho pero menor ca a ración. Medíase non tanto polo status da lingua como polo tempo de uso, aínda que era case exclusivo con interlocutores da vila da nosa idade. A ración representaba xa un diálogo complexo, como o de ir ao médico ou ao banco. Tamén considerabamos diferentes tipos (completa, da casa, etc.), que afinaban máis estas situacións sociolingüísticas.

Cando chegaba ao bar unha rapaza preguntando algo en castelán, o taberneiro, carneiro coma nós, estarricábase con elegancia “y le hablaba en castellano”. Cando a moza xa marchara diciámoslle: “vaia ración lle mandaches”, e el sempre contestaba: “un pinchiño”.

En segundo lugar, son nas zonas urbanas e semiurbanas onde se atopan os verdadeiros bilingües, se é que os hai. Xente de orixe rural, por suposto. Os que coñecín falaban castelán entre eles, mais comigo expresábanse en galego. Esta situación lingüística creaba non poucas incomodidades, “se me hace raro el hablar gallego entre nosotros”, dicían. Como eu estudaba filoloxía galega, escusábanme da peneira. Mesmo me dixeron “ hay, hablas gallego, yo no tengo nada en contra, a mi me parece un idioma precioso… , y muy meloso”. Nin bonito, nin feo, é a miña lingua, pensaba eu para min.

Esas si que eran conversas bilingües. Unha oración principiaba en castelán e remataba en galego, ou viceversa, dependendo de cara a onde se dirixise a mirada: “ya te dije que non foi cousa miña”.

Segundo os únicos datos sociolingüísticos serios, que abranguen once anos (1992-2003), o 13,5% destes amigos meus deixaron de ser bilingües. En Galicia uns 153 mil bilingües (5,7%) convertéronse á súa lingua inicial, mentres que máis de 213 mil (7,9%) optaron pola lingua foránea. Podemos dicir, entón, que a política do “bilingüismo harmónico” fracasou coa intención de consolidar o monolingüismo en castelán, que brincou un 8%.

Para rematar, semella que os novofalantes de galego agora denomínanse neofalantes. Os paleofalantes, pola contra, non decidimos falar galego, senón que fomos obrigados a falalo polos pais e polo entorno. Ata aquí todo ben, aínda que non me gusta que me chamen “paleo-o que sexa”, porque me lembra á paleontoloxía, que se move en idades xeolóxicas. Ademais, os galegofalantes de orixe receamos dos novosfalantes, porque falan galego, si, pero con fonética e sintaxe castelá.

Nunha pequena xuntanza destes neofalantes acordaron entre eles vestirse de negro, imitando a “Neo”; mentres que os paleofalantes imitarían a outra personaxe calquera dos irmáns Wachowski. Dende ese día, non dou pronunciado ao xeito o prefixo “paleo”. Só consigo dicir paleto, de paletofalante. Arestora, sen me dar conta, tamén digo paletoloxía e paletoterio. Curioso autoodio.

En fin, destes retallos da nosa experiencia monolingüe agroman indicios claros de que algo está a mudar na lingua: o conflito lingüístico subsiste por mor do galego; o bilingüismo é unha escusa con fins escuros e a lingua galega… , que non se pareza moito ao galego. Aínda ía ter razón o meu vello veciño cando me dicía con coraxe “e fai falla ir á universidade estudiar ghallegho? Enséñocho eu”. Como se me estivese advertindo de que o galego morrería un pouco máis, cando el non estivera para ensinarmo.

Manuel BL

 Artigo orixinal: http://www.apalleira.es/?p=8

 
< Ant.   Seg. >

Últimos Obxectivos
Pola nosa língua, envía un correo a:
Dolce Vita 
Logo 120x90 animado
Outros obxectivos:
Amnistia Internacional e os dereitos do "galego" 
Audasa, Autoestradas de Galicia; infraestructuras en galego 
Solidariedade civil
Campaña: SOS Mourela


Creative Commons License
 
Todo o contido desta web (agás aquel no que se indique o contrario) ofrécese baixo dos termos da Licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 2.5
  

© 2008 CiberIrmandade da Fala
Joomla! is Free Software released under the GNU/GPL License.

Get The Best Free Joomla Templates at www.joomla-templates.com