|
Galicia Hoxe - A Facultade de Historia da Universidade de São Paulo acolleu onte a xornada inaugural do Centro de Estudos Galegos, dirixido pola profesora Valéria Gil Condé. O departamento conta, ademais co labor docente do profesor lector Leopoldo Cañizo Durán. A través dun convenio asinado recentemente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Universidade brasileira de São paulo colaboran para dar a coñecer a lingua e a cultura galega en Brasil. Froito deste convenio é que dende principios deste ano 2008 se están a impartir clases de galego no lectorado.
O programa da xornada incluíu a apertura a cargo do director da Facultade de Filosofía, Letras e Ciencias Humanas de São Paulo, á que lle seguirá unha conferencia do profesor Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega. A disertación de Monteagudo leva por título Galego e portugués-brasileiro: historia e porvir, e nela fixo un percorrido pola traxectoria histórica do galego e a súa posición lingüística en relación ó portugués-brasileiro. Por último, tivo lugar unha representación escénica a cargo do contador de historias Celso Fernández Sanmartín. A Universidade de São Paulo foi, xunto coas universidades de Zadar e a de México, a última en incorporarse á rede de proxección exterior da lingua e da cultura galegas impulsada a través da rede de Centros de Estudos Galegos, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=86&idNoticia=303501 |