Seica non o colleron nun hotel por falar galego.
Certo. Entregara un curriculum vitae e acudín a unha entrevista. A condición sine qua non era que falase co director e os compañeiros da recepción en español e nunca en galego. Considereino unha humillación e non aceptei o posto.
Entón non é que non o collesen.
Prohibíronme falar galego e na entrevista o primeiro que me dixo o director, Miguel Tejada, foi iso.
Claro, se falase idiomas...
Falo moitos. Teño experiencia con alemáns, ingleses, franceses...
Cantos fala?
Alemán, francés, italiano, inglés, portugués e español.
Só?
Xa me chega!
Non pensou extirpar iso do galego?
Non teño remedio. Isto do galego non ten cura.
Tampouco lles gustou que o seu nome de pía estivese en galego.
Foi unha brincadeira. En recepción, cando cheguei, dixeron: mira, vén un galeguista. Polo menos foi iso o que me comentou o director. El quería entrar en conflito comigo, mais eu non o desexaba. Non quería falar de sociolingüística, nin convencelo de ningunha idea política, foi o que lle dixen. Eu ía polo traballo.
E seguro que o sitio ese era un hotel?
Aparentemente, pero ten a política de empresa que me impedía falar galego cos compañeiros da recepción. Os camareiros e o persoal de limpeza si poden falar galego entre eles. O hotel chámase Ciudad de Vigo.
A entrevista quen lla fixo, alguén da competencia?
Dame que si. Nese hotel o BNG ten organizado asembleas e actos internos. Despois disto non me estrañaría que os do Bloque deixasen de ir. É como non contratar persoas homosexuais ou negros, van perder esa clientela. Non teñen nin idea de relacións públicas.
Van ter razón os de Galicia Bilingüe, o galego non é un idioma útil. Mesmo parece perigoso sabelo.
Ás veces si.
Non será que saber galego resta no curriculum vitae?
Depende onde. Eu fágoo en galego para que teñan clariño que é o idioma que falo.
Vostede ten experiencia no sector?
De tres anos, en Fuerteventura e Santiago.
E valeulle falar varios idiomas?
Claro.
E galego?
En Santiago coa clientela, en Fuerteventura cos compañeiros e con algúns clientes.
Se cadra falar galego só é útil para emigrar.
O mellor é inimigo do bo. O máis útil é inimigo do útil. Todos os idiomas son útiles.