Ben falado! é un microespazo de cinco minutos diarios dedicados á lingua galega, que chegará ao público na franxa matinal, dirixido e presentado polo académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal. Ben falado! será como un prato combinado, pois o telespectador accederá a explicacións do seu apelido e do nome do lugar en que vive; a curiosidades léxicas, gramaticais e ortográficas; ao sentido de ditos e refráns. Verá como se move a lingua nos colexios, nos institutos, nos movementos xuvenís, nas empresas, na Internet.
Verá o que foi a lingua galega na Idade Media e o que é hoxe nun contexto internacional: novas tecnoloxías como tradución automática, a síntese de voz, o mundo dos blogs, o Punto Gal, as televisións escolares en galego, etc. Coñecerá especialistas estranxeiros que traducen a nosa literatura ás súas linguas ou que fan dicionarios bilingües para poderen despois traducir do galego ás súas linguas e viceversa. Este microespazo será unha peteirada lingüística con divulgación científica, que poida comprender sen esforzo un mariñeiro, unha doutora en medicina, un gandeiro ou unha mariscadora, un xubilado ou unha especialista en física de partículas. Tamén a infancia estará presente en todos os capítulos, nos que se dará a ver, ademais, a enorme creatividade que a lingua galega esperta maiormente na infancia, na xente moza, no mundo literario ou musical, no sector sanitario, no empresarial; pero tamén a atención que se lle dedica fóra de Galicia. O estilo do programa pretende, segundo o seu director e presentador, "ensinar deleitando, cun espírito cordial e positivo", para que o telespectador, coñecendo mellor o mérito das palabras que el usa, aumente o seu amor á lingua e tamén o seu interese por falala máis e mellor. Outro dos cometidos do espazo é facer visible a condición de lingua milenaria do galego, que, "por cousas da historia, tamén é unha lingua emerxente". Outro aspecto de Ben falado! é que concibe a lingua como un espectáculo que distingue aos seres humanos doutros seres vivos, "por iso o programa quere facer que as cámaras enfoquen ese espectáculo para facer visible o milagre que vai nas nosas bocas", engade o director. Fonte orixinal: http://www.crtvg.es/programas/?p=456&m=1 |