|
Política Lingüística renuncia a apoiar a dobraxe de filmes ao galego |
|
|
|
Escrito por Kiko das Leiras
|
|
Martes, 26 de Agosto do 2008 |
GZNación - O departamento que dirixe a socialista Marisol López alega a perda de público das salas cinema e a falta de compromiso das produtoras e explica que “desviará as súas liñas de acción no audiovisual á rede e ás plataformas móbiles no medio prazo”. A secretaría xeral de Política Lingüística vén de remitir ao deputado do BNG Bieito Lobeira unha resposta escrita a súa pregunta sobre os motivos polos que non se dobrou ao galego o filme “Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal”. No texto, o departamento que dirixe a socialista Marisol López di de xeito explícito que vai renunciar a promover a dobraxe ao galego de filmes tanto no cinema como en DVD e explica que “desviará as súas liñas de acción no audiovisual á rede e ás plataformas móbiles no medio prazo”.
Este departamento da Xunta asegura que só se puideron dobrar filmes ao galego cando “as produtoras amosan un compromiso co proceso de normalización lingüística” e confirma, coas cifras aportadas, que non se está a cumprir o Plano Xeral de Normalización Lingüística que obriga a dobrar ao galego, cando menos, dez filmes con posibilidade de éxito comercial ao ano. En calquer caso, Política Lingüística afirma que abandonará toda política de promoción da dobraxe de filmes nos soportes de DVD e no cinema porque “as salas de cinema xa non son o seguro ámbito de acceso e prestixio que outrora eran” e “o DVD doméstico é unha liña a curto-medio prazo”. Críticas duras do BNG Bieito Lobeira criticou duramente esta decisión da Secretaría Xeral e lembra que, aínda que estean a perder público, “as salas de cine seguen a ser un bo escenario para dignificar o idioma”, ao tempo que apunta que, “se as películas se estrean en galego, será tamén máis fácil atopalas despois en galego en calquera outro formato”. Lobeira lembra que con esta decisión “incumpriríase deliberadamente” o mandato do Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento e apunta á necesidade de non abandonar esta liña de traballo. Para o deputado do BNG, a apertura de novos camiños para o galego en eidos como as plataformas de contidos é unha boa nova mais, tal e como subliña, “isto non debería supor en ningún caso, o abandono dos dereitos lingüísticos dos espectadores de cinema no noso país”. |