Que somosSomos un fato de xente que, preocupados polo devenir da nosa lingua e cultura, pretendemos espallalas utilizando as redes informáticas. Existimos dende 1996, o que nos converte nunha das organizacións galegas mais antigas na rede. En 2006 decidimos constituirnos como asociación rexistrada. Mais queremos seguir sendo o de sempre: un conxunto de individuos organizados loitando por un obxectivo común, a dignificación da nosa lingua. En canto á normativa lingüística dos nosos contidos, acadamos o seguinte acordo: quen fai algo aplica a súa. As nosas decisións son tomadas dende o foro Cuestións Xerais da Ciberirmandade. Para participar nelas tan so tes que rexístrate nos Foros. Estes son a nosa canle de comunicación principal. Se necesitas contactar connosco e estes non che serven, dispós dun formulario de contacto. Mais información.. Desexamos contar con mais participación, e se o desexas, non te limites a facelo nas nosas campañas; buscamos ideas, críticas, xentes con coñecementos en filoloxía, informática ..., e calquera persoa con ganas de loitar na defensa da nosa lingua, sempre dun xeito voluntario, non lucrativo. Hai choio abondo. Mais información en Participa e colabora. Que facemos Obxectivos.- A nosa principal actividade é a organización do envío de correos electrónicos aos administradores de webs galegos de institucións, empresas ou particulares pregándolles o emprego da nosa lingua. Estas accións, que procuran ser campañas rápidas, cunha duración aproximada de tres semanas cada unha, non pretenden ser “bombardeo de correos”, senón correos individuais, con nome e apelidos. Ir a obxectivos. Buscador.- Dispoñemos dun buscador de empresas e profesionais, unha ferramenta que pode axudar a quen ande á procura dunha empresa ou profesional e teña a lingua como un criterio máis de selección. Temos claro que un dos alicerces da normalización da lingua galega está en que as actividades empresariais e profesionais sexan no noso idioma, e que isto soamente se vai conseguir se logramos crear unha conciencia colectiva de que a lingua é un valor engadido. Para que o buscador chegue a ser unha auténtica ferramenta de presión, é fundamental que todos e todas nós, rexistremos o maior número posíbel de albaneis, notarios, carpinteiros... que podamos, e así axudar na procura doutras persoas. Ir ao buscador. Foros e traducción de software.- Nos nosos foros pretendemos ofrecer un punto de encontro no que podermos discutir, colaborar, organizar e traballar. Queremos recuperar o espazo das vellas roldas de distribución, como a rolda GALICIA-L, na que podiamos discutir de calquera cuestión do noso país. Queremos concentrar á xente que nalgunha ocasión colaborou en proxectos que por falta de recursos ou colaboración, non chegaron a porto; por elo, os Foros están abertos a calquera idea ou proxecto, como a traducción de software á nosa lingua. Ir aos Foros. Galería de imaxes.- Dende a nosa galería ofrecémosche unha parte do pasado e presente do noso país, cultura e sociedade, en formato de imaxes e fotografías. Poderás copiar, distribuír, achegar ou facer con el un uso comercial, baixo a licenza xeral da CiberIrmandade agás nos casos nos que se indique expresamente a prohibición de uso comercial. Ir á Galería de imaxes. Descargas e documentación.- No noso web ofrecemos descarga de software en galego, así como documentación variada sobre a nosa lingua e país. Ir ao arquivo. Ofrecemento de axuda. Pomos á disposición doutras organizacións que teñan uns fins comúns cos nosos, e na medida das nosas posibilidades, os nosos coñecementos e tempo para: asesorar na posta en marcha de foros en galego; remodelación dos web co uso de xestor de contidos; axuda na implantación de galerías de imaxes; e, por suposto, compartir a nosa experiencia. Asociación de sitios coa CiberIrmandade.- Estamos interesados en chegar a acordos con outros sitios da rede. Máis información.. Solidariedade civil: queremos apoiar as loitas doutros colectivos que pulen pola nosa lingua, cultura e país. Se estás inmerso nunha campaña, fainos chegar a bandeira (banner), dun ancho máximo de 140 pixels, a través do foro "Subir arquivos". Agradecemos que, rematada a campaña, nolo comuniques, para retirar a bandeira do seu espazo compartido. A nosa historia No libro "Da periferia á rede", de Isabel Vaquero e Daniel Romero (Ed. Xerais, 2001), di: “Camilo Regueiro promove a constitución e o web das CiberIrmandades da Fala, organización virtual a prol do uso do galego en Internet”. Estamos a falar do ano 1996, ano no que segundo este libro, só existían 300 webs na nosa lingua (no ano 1995 só computan 25). Dende aquela, foron moitas as que desapareceron, e a CiberIrmandade, pasando por diversas etapas, sobreviviu. Somos, xa que logo, unha das organizacións máis antigas da rede. Na etapa inicial, e durante anos, estivemos de prestado en "Valbuena", un vello servidor dunha universidade madrileña (grazas, Anxo). Daquela buscabamos que os receptores dos nosos correos entenderan que se trataba de usuarios individuais non organizados; por elo cada quen redactaba o seu propio texto, e tiña asignadas unhas datas concretas para facer os envíos. Mais despois de discutilo, e valorando o feito de que por mor da preguiza moitas veces non se facían os envíos, decidimos que tiñamos que deixar as portas abertas a que cada quen actuara nas datas que quixer, e darlle a posibilidade de empregar mensaxes modelo. Tras dun tempo de forte inactividade, volvemos á vida. Contratamos dominio propio e hospedaxe, automatizamos o envío de correos aos obxectivos, puxemos en marcha un buscador de empresas... Estivemos a piques de converternos en Asociación. Tivemos un novo baixón, e decidimos pór en marcha uns foros de debate, a fin de darlle dinamismo aos contidos e recoller á diversa xente que foi deixando de lado proxectos que morreron por falta de capacidade e recursos humanos. Non funcionamos aínda coa constancia e enerxía que merece o obxectivo de normalizar a presenza do galego en Internet, pero sorteando vacacións e problemas de axenda imos facendo cousas. Alguén coma ti sería benvido, anímate. Aló no 96, a CiberIrmandade xa existía. Mudando cos tempos, dende a prehistoria das páxinas persoais até hoxe, as memorias da CIF quedan aquí para a posteridade: Percorrido por dez anos de historia . Non poñas pexas á obra namentres non estea rematada. Colabora. Castelao.
|