|
Nun día especial como hoxe dende a CiberIrmandade queremos apoiar tódalas propostas que procuren a dignificación, revitalización e posta en valor da nosa Lingua e Cultura, e concretamos máis específicamente a nosa adhesión aos manifestos d'A Mesa pola Normalización Lingüística (Porque temos, porque queremos, porque debemos) e ao do Colectivo Nacionalista de Marín que reproducimos nestas páxinas. Nembargantes queremos tamén lembrar que a importancia e imprescindibilidade da nosa Lingua é cousa de tódolos días do ano e non un evento que celebrar de feito illado, polo que o esforzo de todos e todas non pode quedar só nesta festa, senón extenderse ao resto do ano na procura dunha normalización real do galego.
Manifesto das Letras do Colectivo Nacionalista de Marin "Se ainda somos galegos é grazas ao noso idioma" (Castelao) Un dos elementos diferenciadores dunha nación é a súa lingua, tendo isto en conta e outras cousas máis podemos asegurar que Galiza é unha nación. As linguas refliten o xeito de viver dun povo, as formas de interrelacionar-se das persoas que o compoñen, e é o vehículo transmisor da historia, cultura e tradición do mesmo e polo tanto un elemento fundamental na vida das nacións.
O estado español ao longo dos séculos tentou acabar coas nosas arelas de liberdade, tentando destruir de todas as formas posíbeis as nosas señas de identidade, así dende os Reis Católicos até a ditadura franquista tivemos que sofrer a prohibición da nosa lingua e a represión de tod@ galego-falante. A chegada da "falsa democracia" trouxo consigo a cooficialidade da nosa lingua, mais impoñendo o chamado bilingüismo harmónico, no cal o castelán tiña garantida a súa situación de lingua privilexiada, así de xeito máis sutil, baixo unha apariencia democrática, logrou o imperialismo español converter unha lingua maioritaria nunha lingua minorizada. Así se os nosos antepasados a pesares da prohibición seguiron a falar galego, dende a chegada da "democracia" as novas xeracións, sobre todo nas cidades, falan case que exclusivamente en castelán, o que demostra o fracaso (ou o éxito) das políticas da Xunta e do estado, principais promotores do bilingüismo harmónico. A política lingüística dos governos PP (aqueles mesmos que censuraban o galego na ditadura), non foi máis alá de gastar cartos inútilmente en campañas publicitarias e en promover cursos de iniciación e perfeccionamento da lingua para profesorado, funcionariado e adultos en xeral, de dubidosa utilidade se non se comproba a súa eficacia, e que en ningún caso conseguiu por fin á caida en picado de galego-falantes. Para moit@s cidadáns/as o cambio de governo na Xunta é un motivo de esperanza para que a nosa lingua se recupere, e aínda que levan pouco tempo, xa podemos dicer que nada vai mudar ao respecto, porque algúns non queren que nada mude. Os tímidos pasos dados adiante enseguida foron rectificados, como exemplo máis claro disto temos a situación que se produciu cando se decidiu que os exames das oposicións serían unicamente en lingua galega e as academias protestaron, non tardaron moito en rectificar deixando ben as claras que a nosa lingua está supeditada a intereses privados.
O ensino, un dos piares elementais de toda sociedade, desgrazadamente é un dos principais elementos desgaleguizadores xa que o número de alun@s que ao comezar a estudar eran galego-falantes reduce-se cando chegan ao fin dos seus estudos. Todo isto podería mudar se o ensino fora única e exclusivamente en galego, en todos os centros de ensinanza e a todos os niveis, deixándose de hipocresías coma a do governo actual que pretende de xeito "experimental" facer isto só en 10 colexios da Galiza para o curso que vén. Mais a discriminación da nosa lingua non se cingue só ao ámbito académico xa que situacións tan normais como poden ser pedir un préstamo, casar…son case que imposíbeis de facer en galego, estando obrigado a facelo polo tanto en castelán ou a enredar-se na burocracia administrativa para reclamar o noso direito a viver en galego. Nos governos e nos tribunais existe unha dobre vara de medir á hora de defender ás linguas oficiais na Galiza, así se recentemente unha sentenza do TSXG revogou un acordo do concello das Pontes segundo o cal a lingua galega era a única oficial no concello, a nosa toponimia segue a ser atacada a cotío tanto por parte dos meios de comunicación como da administración, exemplos como o da Coruña, onde ex-alcalde incumpría a lei reiteradamente son sangrantes. Os meios de comunicación, en mans do capital español, como elemento uniformador é un dos principais responsábeis da difusión da idea, cada vez máis estendida, de que o galego nun mundo cada vez máis globalizado non ten sentido nin é necesario. A este argumento, sen fundamento, hai que lle respostar que grazas ao galego temos a oportunidade de podérmonos comunicar con máis de 200 millóns de persoas no mundo que falan portugués.
Por todo isto DEMANDAMOS:
- Un ensino 100% en galego
- A galeguización das administracións públicas: locais, autonómicas ou estatais.
- Un cámbio na política lingüistica da Xunta do PSOE-BNG, que defendan e promocionen realmente o galego.
Marín, 15 de maio do 2006. {moscomment} |